Tuesday 21 de April de 2026

Nuns días, xantar do San Cristovo e Feira de Abril en Bardaos


“Se en Ferreira naceu teu pai ou túa nai, non faltes ao xantar, que outro igual non hai!!!”. Así reza o cartel anunciador do tradicional xantar de confraternidade que se vai celebrar o sábado 25 de abril na explanada de San Cristovo, organizado pola comisión de festas de Ferreira de arriba. O evento reunirá xente que aínda vive na parroquia con outra que ten alí as súas raíces ou que, por afinidade ou por pasar o día, tamén se achegará para gozar de boa mesa e boa música. Iso si, cómpre non demorarse porque o prazo para gardar sitio remata o 21 de abril. Os tíckets poden mercarse no Bar Ferreira, na Parrillada María Queira, no Café-Bar Del Palacio (Gavín) ou na Taberna de Pancho, nas Pontes. Esta non é a única cita inminente no calendario de eventos veciñais, xa que o día 18 tamén temos festexada andaluza en Bardaos.

O menú do xantar a prol do San Cristovo de Ferreira de arriba, que se servirá o día 25 a partir das 15:00h, está composto por callos e tenreira estufada con patacas, ademais de pan, bebida, sobremesa, café e un licor. Todo rico e abundante, servido polo polo restaurante O Paso, de Candamil, baixo unha carpa instalada diante da capela do santo ao que se lle rende tributo a primeiros de xullo.

O prezo para mocidade e persoas adultas é de 35€, mentres que pola rapazada de 7 a 12 anos só haberá que pagar 15€. Por debaixo dos 7 anos o xantar é de balde.

O último día para gardar entrada é o martes 21 de abril acudindo a algún dos puntos de venda dos tíckets, que poden atoparse no Bar Ferreira (A Chabola), na Parrillada María Queira (Igrexafeita), no Café Bar Del Palacio (San Sadurniño) e na Taberna de Pancho (As Pontes).

A festa non será só gastronómica, senón que contará tamén coa música da solista Marisol e inchables para a xente miúda.

Feira de Abril en Bardaos o 18
Porén, antes da cita de Ferreira temos outra en Bardaos, xa que a Comisión de festas de Santa María e o San Pipote celebrará a I Feira de Abril no local social durante a xornada do sábado 18. Empezarán cunha sesión vermú a partir das 14:00 horas, animada por Ángel Montoya e, a continuación, servirán un menú especial composto por entremeses, paella mariñeira, xamón asado, bebidas, sobremesa, café e un licor.

O prezo será de 35 euros para persoas adultas e mocidade a partir de 12 anos, de 20 euros para nenos e nenas de entre 6 e 11 anos e de balde para menores de 6 anos. Hai que anotarse chamando aos teléfonos 626 457 182, 646 287 494, 603 818 233 ou 618 903 612.

A partir das 17:30h haberá música con entrada libre, coas actuacións de Santi Pulido e Néstor Peña e do Dúo Stylo.

Aquelas asociacións veciñais, culturais, clubes e comisións de festas que queiran darlle difusión aos seus eventos a través dos medios de comunicación municipais, como son a web, as redes sociais ou o boletín impreso Novas, só teñen que enviar un correo a concellodesansadurnino@gmail.com, indicando de que se trata, as datas e horarios, o lugar e, se son actividades que requiren inscrición previa, tamén os prezos e maneiras de contactar para que a xente se poida apuntar.

No correo é conveniente adxuntar fotos ou carteis para ilustrar a información, que o Concello tamén lle remitirá aos xornais, radios e medios dixitais de ámbito comarcal.

Deja un comentario