Thursday 16 de April de 2026

Exitoso arranque das Xornadas literarias de Neda


Concorrido arranque das XXI Xornadas literarias de Neda que, desta volta xiran ao redor da novela negra, o xénero con máis lectores da biblioteca municipal. O foro pon o foco no éxito do “Galician noir”, historias escuras nas que Galicia, coa súa paisaxe, a xente, tradicións… convértese en moito máis que o escenario dun misterio ou dun crime.

Escritoras da talla de Arantza Portabales e Marta Villar e o prolífico escritor Rober Cagiao compartiron nunha Casa das palmeiras, chea de público, reflexións sobre este xénero que triunfa entre os lectores; coincidiron na débeda literaria que teñen con Domingo Villar; reivindicaron a importancia da novela negra como novela de entretemento ao longo da entretida conversa moderada por María Nieto, tras a que houbo tempo para a sinatura de exemplares.

A concelleira de Cultura, Marián Bello, foi a encargada de abrir esta cita consolidada no calendario cultural de Ferrolterra que, como subliñou, converte a Neda en referente no campo das letras. Participaron ademais na sesión, facendo unha introdución á temática, as integrantes do Club de lectura do IES Fernando Esquío. Este venres, ás 18 horas, segunda entrega das xornadas, con máis autores de primeira liña.

Deja un comentario