Haberá tres sesións máis ata maio nas que tamén poderán participar persoas técnicas de cultura e profesionais de atención sociocultural
O próximo 12 de agosto será posible ver desde A Coruña unha eclipse total de Sol, un evento excepcional e único para o que é importante prepararse con antelación. O Concello da Coruña está a levar a cabo diferentes accións previas a este evento baixo a campaña ACoruñaCidadEclipse. Para favorecer que a cidadanía coruñesa poida observar da maneira máis adecuada e segura esta eclipse, a Casa das Ciencias en colaboración coa Agrupación Astronómica Ío organiza talleres sobre a observación de eclipses dirixidos a profesorado, técnicos de cultura e profesionais de atención sociocultural, co obxectivo de que despois poidan transmitir a outras persoas o que aprendan.
A segunda das sesións tivo lugar este xoves, en horario de 17.00 a 19.00 horas. As seguintes sesións serán o 30 de abril e o 14 e 21 de maio, no mesmo horario. A actividade comezou cunha sesión no planetario, onde se explicou a xeometría das eclipses e indicaranse os mellores lugares para ver a próxima eclipse do 12 de agosto desde A Coruña e os seus arredores. A segunda parte da actividade tivo lugar na sala de actividades do museo, situada no seu edificio xunto á fonte da bóla dentro do parque de Santa Margarita, onde se abordaron as dúbidas das persoas participantes e construíuse unha cámara escura cunha caixa de cartón, instrumento que permite observar calquera eclipse de Sol con total seguridade para os ollos.
“A nosa alcaldesa, Inés Rey, remarcou ás diferentes áreas a importancia deste acontecemento astronómico para a cidade e, nese sentido, traballamos a nivel formativo para que a cidadanía poida gozar con total seguridade da eclipse, apoiándonos no conxunto de profesionais que integran os Museos Científicos e co apoio da agrupación Ío”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. A Casa das Ciencias programará máis adiante outras actividades sobre a observación da eclipse abertas á cidadanía en xeral.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.