Thursday 16 de April de 2026

Belén do Campo destaca o papel de O Gran Camiño como motor de proxección nacional de Galicia na terceira etapa Carballo-Padrón


A delegada da Xunta foi a encargada de corta a cinta de saída nesta terceira das cinco etapas que contou cun percorrido de 169 quilómetros e un desnivel acumulado de 2.470 metros.

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou esta mañá no acto de corte de cinta da terceira etapa da volta ciclista O Gran Camiño, que discorre entre os concellos de Carballo e Padrón, cun percorrido de 169 quilómetros e un desnivel acumulado de 2.470 metros.

A representante autonómica salientou a relevancia desta cita deportiva, “xa plenamente consolidada no calendario ciclista”, e destacou que contribúe de maneira decisiva a situar Galicia “no mapa das grandes voltas ciclistas de España”.

A delegada da Xunta incidiu en que O Gran Camiño, creada no ano 2022, supuxo a recuperación do ciclismo profesional por etapas na comunidade, integrándose no circuíto UCI Europe Tour. Neste sentido, lembrou que a proba recolle o legado histórico da Volta a Galicia, disputada desde 1933 e pola que pasaron grandes figuras do ciclismo internacional.

Así mesmo, puxo en valor a rápida evolución da competición, que en apenas uns anos logrou atraer equipos e ciclistas de primeiro nivel mundial, consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario estatal.

En relación coa etapa Carballo–Padrón, a delegada destacou a súa esixencia deportiva e o seu simbolismo territorial, ao conectar enclaves de gran tradición ciclista e cultural, ademais de reforzar a proxección turística de Galicia a través dun evento que combina deporte, patrimonio e promoción do territorio.

“A celebración de probas como esta demostra a capacidade de Galicia para organizar eventos deportivos de alto nivel, xerando actividade económica e situando a Galicia como un destino de referencia tamén no ámbito deportivo”, concluíu.

Deja un comentario