Invístense preto de 49.000 euros para mellorar o servizo e minimizar as perdas de auga.
As obras de renovación da rede de abastecemento de auga na Avenida Méndez Núñez de Caión, que tamén afectan á zona da Insua, están practicamente rematadas
Esta intervención, cuxa finalidade é mellorar o servizo e minimizar as perdas de auga, promoveuse de acordo ao resultado da auditoría técnica da rede municipal realizada polo Concello, que concluíu que as canalizacións de fibrocemento son as que presentan un maior número de avarías e perdas de auga. A Avenida Méndez Núñez contaba cunha canalización desas características que foi substituída por outra nova de polietileno de alta densidade nunha distancia de 130 metros. Ademais da renovación da tubaxe principal, realizáronse tamén as conexións coas redes existentes e as acometidas das vivendas afectadas. A última fase das obras céntrase na reposición do pavimento.
O orzamento do proxecto alcanza os 48.662,28 euros e é cofinanciado por Augas de Galicia ao abeiro do programa de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de actuacións para minimizar as perdas de auga en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia cunha poboación menor a 20.000 habitantes, convocadas no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NexGenerationEU.
Con esta iniciativa, e tamén co proxecto dirixido a evitar as infiltracións na rede de saneamento recentemente executado na zona do Pino, preto da depuradora do Formigueiro, o Concello reafirma o seu compromiso cunha xestión eficiente dos servizos públicos do ciclo da auga, levando a cabo solucións técnicas que garantan a sustentabilidade ambiental e o benestar da cidadanía.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.