Thursday 16 de April de 2026

Xa hai data para a inauguración do centro social de Goiáns, finalista dos Premios Nacionais de Arquitectura


O acto terá lugar o sábado 2 de maio cunha xornada festiva organizada pola propia veciñanza

O centro social da parroquia de Goiáns, situado en Xoane, prepárase para a súa xornada de estrea. A veciñanza teno todo organizado para a gran festa do sábado 2 de maio. A celebración será dobre, porque, ademais de abrir as portas a un edificio que vai dinamizar a vida social da parroquia, o centro social é finalista dos prestixiosos Premios Nacionais de Arquitectura.
A presentación do cartel tivo lugar este mércores no propio centro social, nun acto que contou coa presenza do alcalde de Carballo, Daniel Pérez; o concelleiro de Participación Veciñal, Ramón Varela, e a concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret. Todos eles destacaron a importancia de que a parroquia conte cun espazo de encontro que xa é un referente arquitectónico antes de ser inaugurado oficialmente, e que se vai sumar á gran rede de centros sociais que temos repartidos pola práctica totalidade das parroquias.
A xornada inaugural terá un marcado carácter lúdico e de convivencia. O programa de actos arrancará ás 13:00 horas cunha tradicional sesión vermú, con música disco para animar a todos os asistentes. A celebración continuará pola tarde cunha das actuacións máis agardadas, a cargo de Rocío Pérez, quen porá o broche de ouro musical a un día histórico para a parroquia.
Para amenizar a tarde tamén para os máis pequenos da parroquia, de 16:00 a 20:00 horas haberá actividades infantís con monitorado.
Dobre orgullo para Goiáns
A apertura deste centro social non é unha inauguración máis. O Centro Social de Goiáns é unha das 13 obras galegas seleccionadas (de entre máis de 500 propostas de todo o Estado) para competir na fase final dos Premios de Arquitectura do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España (CSCAE). O fallo final saberase o vindeiro 9 de xuño en Madrid, polo que a inauguración do 2 de maio será tamén un xeito de darlle o último impulso “moral”.
O inmoble, obra do arquitecto Miguel Fernández-Galiano co título A comunidade como icona, destaca, na opinión do xurado, “pola súa capacidade para reinterpretar a arquitectura vernácula galega e convertela nun espazo de encontro inclusivo, flexible e de vangarda, pensado para fortalecer a vida social no rural.”
O Concello de Carballo quere convidar a toda a cidadanía a achegarse o día 2 de maio a Xoane para coñecer de primeira man as instalacións e participar dunha festa que marca un antes e un despois na vida social e cultural desta comunidade.

Deja un comentario