A entrada é de balde e a apertura de portas será media hora antes da actuación
Bailadela e As Sete Linguas da Asociación Francisco Lorenzo Mariño, coa colaboración do Concello de Ribeira, levarán a escena novamente o espectáculo de música tradicional As que cortan o bacallau. Será no sábado, 25 de abril, ás 20.00 horas, no novo Auditorio municipal.
Medio cento de artistas estarán sobre as táboas ao longo de 60 minutos para render homenaxe á conserva e ás mulleres como xa sucedeu na época do Nadal, pero, desta vez, con referencia á revolución dos caraveis de Portugal que acabou coa ditadura de Salazar e levou a democracia ao país veciño. O canto xunto a pandeiretas e outros instrumentos de percusión e elementos cotiás soarán na dita instalación cultural municipal.
Na presentación participaron a concelleira de Cultura, Ana Barreiro; a profesora dos grupos, Manola Valiño; Alicia González, directiva da A.C. Bailadela; e Unai González e Teresa Sampedro, vicepresidente
e directiva da Asociación Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño, respectivamente.
“Novamente teremos ocasión de desfrutar do talento deste medio cento de artistas locais cunha actuación que volve ao noso buque insignia da cultura despois do Nadal, mais nesta ocasión farán tamén referencia ao 25 de abril, con motivo da conmemoración da revolución dos caraveis. É un orgullo ver o dinamismo do que goza o noso tecido asociativo e o seu bo facer que nos fai desfrutar a toda a sociedade.
Dende o Concello de Ribeira seguiremos ao seu carón apoiando tódalas iniciativas que revitalicen a nosa vida cultural”, en palabras da concelleira de Cultura, Ana Barreiro.
Pola súa parte, Manola Valiño referiuse aos elementos que utilizarán para acompañar o canto, que serán tamén utensilios cotiás como, por exemplo, as loncheiras que empregaban para comer no momento que tiñan para xantar as mulleres nas súas xornadas nas conservas.
Tamén falou Unai González, quen indicou que unha maneira de “poñer en valor a memoria das mulleres e que, a través do canto e da música tradicional foron facéndose oco na historia e foron reivindicando e empoderándose nos seus distintos oficios.”
A entrada é de balde e a apertura de portas será media hora antes do inicio do espectáculo.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.