As sesións posibilitoulles coñecer instrumentos e os sons de distintas épocas
Uns 872 estudantes de Ribeira de 3° a 6° de primaria procedentes de nove centros educativos pasaron entre onte e hoxe polo novo Auditorio municipal para gozar da música clásica da man do profesorado do Conservatorio Municipal de Música ‘Enrique Paisal’ coa representación Viaxe no tempo. Operación salvar a música. Ata alí desprazouse a concelleira de Educación, Nucha Brión, para comprobar o desenvolvemento da actividade.
Esta función presentou ao alumnado un futuro distópico dominado pola Intelixencia Artificial, onde a literatura foi substituída por móbiles, as obras de arte quedaron relegadas a favor das redes sociais e as cancións e pezas musicais son creadas por ordenadores e interpretadas por robots. Nesta situación, unha viaxeira no tempo atopa a solución: viaxar por tódalas etapas da Historia documentando a música de cada tempo, os sons, as melodías e as personaxes.
Deste xeito, logra salvagardar a música do Barroco, como xurdiu o jazz ou coñecer a Mozart. E nesta misión está acompañada dun profesor de música fascinado pola Historia que estará ao seu carón, a guiará e xuntos crearán un gran almacén de sons para preservalos: a Cúpula de Sons.
A rapazada puido coñecer así instrumentos como a gaita, a frauta traversa, o clarinete, o violín, a viola, o violoncello, o saxofón, a guitarra ou a trompeta, entre outros. Tamén escoitaron pezas da Idade Media, o Renacemento, o Clasicismo, o Romanticismo, o jazz e outras máis contemporáneas.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.