Thursday 16 de April de 2026

Belén do Campo supervisou a obra de mellora funcional do espazo público viario no núcleo de Camboño realizada ao abeiro do Plan Hurbe


― A delegada da Xunta informou que a actuación contou cun investimento de preto de 385.000 €
― Renovouse o pavimento no interior do Corral de Abaixo, Chousa e O Corral de Arriba, mellorando os acabados, renovando a canalización da augas pluviais e Instalando tubaxe para o futuro servizo de auga potable
― A Consellería de Vivenda e Planificación de infraestruturas contratou e executou as obras nun 70% do orzamento, preto de 270.000€, mentres o Concello achegou o 30%, algo máis de 115.000€

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Lousame, Esteban Ares, e pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, supervisaron os traballos que se desenvolveron no lugares do Corral de Abaixo, Chousa e O Corral de Arriba, na parroquia de San Xoán de Camboño. Esa actuación supuxo un investimento de preto de 385.000 euros e enmárcase no Plan Hurbe impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións. A Consellería de Vivenda e Planificación de infraestruturas contratou e executou as obras nun 70% do orzamento, preto de 270.000€, mentres o Concello achegou o 30%, algo máis de 115.000€

A través desta colaboración executáronse obras de pavimentación deste núcleo de poboación, que incluíu actuacións encamiñadas á mellora estética e funcional deste espazo público empregado a día de hoxe como viario e zona de esparexemento cotiá dos veciños do municipio.

Esta intervención tivo como obxectivo principal a mellora da accesibilidade e dos servizos básicos da zona, mediante a repavimentación de dúas vías situadas nun contorno de especial sensibilidade, ao atoparse dentro da área de protección de elementos do patrimonio cultural e na zona de afección do Rego de Hornarala.

No marco desta actuación, deuse continuidade aos traballos de repavimentación xa iniciados nestes núcleos, incorporando solucións que combinaron a integración paisaxística coa funcionalidade. En concreto, o proxecto incluíu a substitución do pavimento por formigón desactivado entre franxas de lastro de granito, favorecendo unha mellor adaptación á contorna.

Ademais, acometeuse a renovación da canalización para a recollida de augas pluviais, así como a instalación de tubaxes para a futura prestación do servizo de auga potable. Tamén se contemplou a instalación de iluminación pública, contribuíndo á seguridade viaria e peonil.

Outro dos aspectos destacados da intervención foi o soterramento das redes existentes de baixa tensión e telecomunicacións, o que permite reducir o impacto visual e mellorar a calidade paisaxística da contorna.

Durante a visita, Belén do Campo puxo en valor este tipo de actuacións, que contribúen a mellorar a calidade de vida da veciñanza apostando por un desenvolvemento sostible e pola mellora da calidade de vida da veciñanza.

A delegada da Xunta destacou a continuidade no compromiso de colaboración co Concello de Lousame no marco do Plan Hurbe da Administración autonómica, co que xa foron executadas e incorporadas ao patrimonio público municipal as obras de humanización do acceso á casa da cultura e a mellora do viario de Bouciñas a Croído.

Deja un comentario