Thursday 16 de April de 2026

O BNG leva ao Parlamento as demandas veciñais contra a planta de residuos de Cacheiras


Reclama que a Xunta dialogue coa Plataforma Stop Planta de Residuos e reinicie o proceso de avaliación do impacto ambiental

O portavoz municipal nacionalista, Eloi Devesa, anima á participar na andaina reivindicativa deste sábado día 18

O BNG leva ao debate parlamentario a oposición á instalación da planta de residuos de construción en Cacheiras, Teo, e reclámalle á Xunta que dialogue coa veciñanza e reinicie o proceso de avaliación de impacto ambiental dun proxecto que está previsto situar no medio de aldeas e ao pé de casas. O BNG anima a participar na andaina reivindicativa, convocaa pola Plataforma Stop Planda de Residuos Cacheiras-Aldeas Limpas, que se desenvolverá este sábado día 18 con saída ás 10 da mañá desde o parque infantil da Torre.

En primeiro lugar, o BNG reclámalle á Xunta no Parlamento que se reúna de maneira inmediata con representantes da Plataforma Stop Planta de Residuos Cacheiras- Aldeas Limpas, que solicitaran unha xuntanza coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático sen obter ningunha resposta. Ademais, as iniciativas presentadas pola deputada nacionalista, Saleta Chao, esixen que se reinicie o proceso de avaliación de impacto ambiental para avaliar as consecuencias que para as veciñas e veciños pode ter a instalación da planta.

“A súa localización, próxima ás casas e a un centro educativo, preocupa á veciñanza e teñen dereito a que a Xunta escoite as súas demandas, dialogue e garanta unha localización que non provoque prexuízos para a súa vida”, sinala a deputada Saleta Chao que defenderá as iniciativas no Parlamento, apoiando a forte oposición social que está a provocar o proxecto.

Pola súa parte, o portavoz do BNG no concello, Eloi Devesa, cualifica de “auténtico desproposito” o proxecto de instalar unha planta de residuos de construción no medio das aldeas, con vivendas a tan só 50 metros e un centro de ensino próximo. Alerta de que o seu funcionamento provocaría ruído constante, pó en suspensión e tráfico pesado por pistas inadecuadas, o que supón “unha condena para o rural que se está a ver ameazado diante da parálise do goberno municipal que nin informou á veciñanza nin presentaron alegacións nin se personaron no expediente, é dicir, abandonaron á veciñanza que se está a mobilizar para defenderen os seus dereitos e o noso concello”.

Denuncia tamén Eloi Devesa que, pola contra, o goberno municipal dedicouse a criminalizar a oposición cunha clara posición de “prepotencia e deixadez de funcións que só buscaba compracer á empresa e tamén ao goberno do PP na Xunta”.

O voceiro nacionalista lembra que, fronte á posición da alcaldesa, o BNG está “á lado da veciñanza, defendendo os seus dereitos tanto no propio pleno do Concello como agora no Parlamento como estaremos nas mobilizacións que se convoquen para impedir o que consideramos que é unha barbaridade”, a máis próxima, a andaina reivindicativa que sairá este mesmo sábado día 18 de abril do parque infantil da Torre . Instan tamén a que a alcaldesa convide á Conselleira a visitar a zona e reunirse coa Plataforma para “comprobar de primeira man como pretenden estragar a vida das nosas aldeas e do noso rural”.

Deja un comentario