Iria Carreira denuncia que a apertura na mañá do pasado sábado do PAC de Santiago foi unha “medida imposta” que supuxo “un ataque á calidade asistencial é ás condicións laborais do persoal”
O BNG denuncia a decisión do SERGAS abrindo o PAC de Santiago en xornada de mañá no pasado sábado 4 de abril. Unha actuación que a formación nacionalista considera unha “imposición unilateral feita sen antelación nin planificación”, e contravindo incluso as declaracións feitas por representantes da Consellería de Sanidade nas que declararon que esta decisión quedaría adiada ata xuño.
Esta decisión, anunciada previamente a dous días festivos, foi posta en marcha sen a antelación e planificación necesaria e sen un mínimo de rigor e seriedade. Isto provocou que o sábado 4 de abril non se producise a apertura dos centros de saúde do Pino, Vedra, Bembibre, Cacheiras, Sigüeiro e Concepción Arenal, centralizando a asistencia no PAC de Santiago. En consecuencia, segundo denuncian as propias profesionais do centro, ao comezar a quenda de tarde ás 15h, había 60 pacientes agardando na sala de espera, algunha das cales superaba as 3h de espera, o que obrigou a que a Xerencia tivese que reforzar de urxencia o cadro de persoal para poder dar resposta a esa demanda.
“Esta actuación demostra unha absoluta falta de planificación, de rigor e de seriedade por parte da Xerencia”, denuncia Iria Carreira, voceira de sanidade no Parlamento galego. “Imponse unha medida de xeito absolutamente improvisado e que ademais conta co fondo rexeitamento do persoal, pois foi a mobilización a que obrigou á Consellería ao seu aprazamento”.
As nacionalistas consideran que esta é unha medida “autoritaria, feita sen ningún tipo de negociación” e que ademais resulta “un ataque á calidade asistencial e ás condicións laborais do persoal, que remata soportando unha importante sobrecarga nunhas circunstancias de elevada presión”.
Demandan unha rectificación por parte da Consellería de Sanidade “desistindo do intento de volver a impoñer esta medida que está a supor un forte rexeitamento entre o persoal e afecta á calidade asistencial que recibe a poboación”. Ademais, Carreira sinala a necesidade de reforzar o persoal do PAC de Santiago “que xa en numerosas ocasións se demostrou insuficiente para dar asistencia aos 8 concellos e 150.000 persoas que teñen este PAC de referencia”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.