Thursday 16 de April de 2026

O cartel das festas de San Xoán dá un xiro cara ao talento local: Isa Bermúdez será a autora da imaxe do 2026


As festas de San Xoán dan un xiro na súa imaxe gráfica. A comisión anunciou un cambio significativo na forma de elixir o cartel que anunciará a cita máis agardada polos carballeses e as carballesas: a partir deste 2026 encargaráselle cada ano a un creador/a local.

O obxectivo é poñer en valor a creatividade local, reforzar a identidade cultural propia das festas e dignificar o traballo dos/as profesionais da ilustración e o deseño da contorna, convertendo o cartel nunha peza de autor que reflicta a identidade única de San Xoán desde diversas miradas artísticas.

Isa Bermúdez, a primeira protagonista
Para inaugurar este formato, a comisión de festas conta coa recoñecida artista Isa Bermúdez, que será a encargada de dar vida ao cartel do San Xoán 2026. A escolla de Bermúdez non é casual: a súa traxectoria e a súa vinculación coa cultura local convértena nunha persoa ideal para marcar o inicio desta nova serie de carteis de autor.

“Queremos que o cartel de San Xoán sexa algo máis que un anuncio; queremos que sexa unha plataforma para os nosos creadores. Temos un talento inmenso na casa e é o momento de darlle o sitio que merece no noso escaparate máis importante”, sinala a concelleira de Festas, Maruxa Suárez.

O deseño final realizado por Isa Bermúdez presentarase oficialmente nas vindeiras semanas nun acto público onde se darán a coñecer tamén os primeiros detalles da programación do San Xoán, que este ano celebrará a súa semana grande do 22 ao 28 de xuño.

Deja un comentario