Gumersindo Guinarte advirte dunha caída de case o 30% de pasaxeiros e conexións e alerta do impacto sobre o turismo e a economía da cidade.
O voceiro critica a falta de resposta das administracións e sinala a “responsabilidade maiúscula” da Xunta pola súa inacción en materia de conectividade aérea.
Dende o PSdeG reclaman máis recursos, planificación e diálogo co sector para frear unha tendencia que pon en risco a desestacionalización turística.
As e os socialistas manterán a próxima semana xuntanzas co sector hostaleiro e hoteleiro da cidade para abordar a situación.
O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, alertou da situación do aeroporto Rosalía de Castro, que cualificou de “alarmante” tras coñecerse os últimos datos de tráfico aéreo, e esixiu unha reacción inmediata por parte da Xunta de Galicia e do Concello de Santiago.
Guinarte explicou que no mes de marzo o número de viaxeiros caeu “case un 30%” respecto ao mesmo período do ano anterior, cun descenso similar no número de conexións. Esta tendencia mantense no conxunto do ano, xa que nos tres primeiros meses de 2026 pasaron polo aeroporto compostelán arredor de 435.000 viaxeiros, o que supón unha caída do 29,6%.
O portavoz socialista advertiu de que estes datos “non son puntuais” e contrastan coa evolución doutros aeroportos galegos, que non rexistraron descensos, e mesmo con incrementos nalgúns casos. Neste contexto, sinalou que o aeroporto de Santiago “está perdendo peso” como referencia do noroeste peninsular.
Guinarte lembrou que o aeroporto compostelán fora o que mellor se recuperara tras a pandemia, polo que a situación actual evidencia un cambio de tendencia preocupante. Ademais, puxo o foco na competencia doutros aeroportos como o de Porto, ao que acoden cada ano máis de dous millóns de galegos.
O portavoz socialista atribuíu parte desta situación á perda de conexións de Ryanair e á redución de operacións doutras compañías, pero advertiu de que “non houbo unha reacción suficiente nin suficientemente rápida por parte das administracións”.
Neste sentido, sinalou especialmente á Xunta de Galicia, á que atribuíu unha “responsabilidade moi importante” pola falta de investimento en conectividade aérea. Guinarte destacou que a Xunta leva “desde 2009 sen aportar recursos significativos” neste ámbito, fronte a outras comunidades como Asturias ou Cantabria, que realizan investimentos moi superiores.
Así, puxo como exemplo que Asturias destina arredor de tres millóns de euros no ano 2025 a fomentar captar novos voos, mentres que Galicia anunciou unha achega moi inferior. “Galicia chega tarde e con recursos claramente insuficientes”, advertiu.
Impacto no turismo e na economía
Guinarte alertou tamén das consecuencias desta situación sobre o turismo e o conxunto da economía local, especialmente no que respecta á desestacionalización. Segundo explicou, a perda de conexións aéreas na tempada baixa dificulta atraer visitantes nun momento no que a cidade ten capacidade dispoñible.
Neste sentido, advertiu de que os datos de ocupación hoteleira e de visitantes dos primeiros meses do ano xa amosan unha tendencia negativa, con caídas significativas tanto en xaneiro como en febreiro respecto a anos anteriores.
O portavoz socialista subliñou que o turismo “é un sector clave” para Santiago, con impacto directo sobre o comercio, a hostalaría, o emprego e outros servizos, polo que unha caída sostida pode ter consecuencias económicas relevantes.
Falta de diálogo e planificación
Ademais da cuestión económica, Guinarte criticou a falta de diálogo co sector turístico por parte do Goberno municipal e advertiu de que o enfoque centrado exclusivamente nos problemas de saturación “non axuda a abordar o reto da desestacionalización”.
Aínda que recoñeceu que o Concello realizou algunha actuación para compensar a perda de conexións, considerou que “chegou tarde” e que é necesario reforzar a planificación e a colaboración co sector.
Chamamento a actuar
Por todo isto, o Grupo Municipal Socialista esixe ás administracións públicas que “se poñan a traballar de maneira coordinada” para reverter esta situación, incrementando os recursos destinados á conectividade aérea e apostando por unha estratexia que permita consolidar e ampliar as conexións ao longo de todo o ano.
Guinarte advertiu de que, de non adoptarse medidas, esta tendencia pode derivar nunha “perda de actividade económica e de emprego” e comprometer o futuro dun sector clave para a cidade.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.