Wednesday 15 de April de 2026

Neda reúne nas súas XXI Xornadas literarias aos autores máis recoñecidos do “Galician noir”


Conta atrás activada para o arranque das XXI Xornadas literarias de Neda. Durante dous días- este xoves e venres, a partir das 18 horas- os autores e autoras máis representativos da “novela negra con acento galego” daranse cita na Casa das palmeiras para falar do que algún medio de comunicación internacional bautizou como o “Galician noir”.

Arantza Portabales, en plena xira de presentación da novela Asasinato no muíño do cura; Marta Villar, quen acaba de lanzar a tradución ao castelán de Detective Ferruchi, e Rober Cagiao, que vén de publicar Cadena de favores protagonizarán a primeiras das conversas ao redor das que xira nesta ocasión a iniciativa.

A intervención chegará tras a inauguración oficial e a posterior participación das rapazas que integran o club de lectura “A pantasma de papel, pertencente ao IES Fernando Esquío.

Xa o venres, á tardiña, outros catro autores, completarán a visión sobre este subxénero no que a paisaxe galega, a simboloxía e tradicións culturais e o carácter da nosa xente emerxen como parte esencial da historia.

Na segunda mesa redonda, moderada polo escritor Juan José Lada, participarán Diego Ameixeiras (O Cervo e a sombra), Pedro Feijoo (Donde nacen las bestias), Óscar Reboiras (El caso Salgueiro), e da emerxente Isabel Ramos Breijo (El secreto de Andrea).
Por último, nas xornadas literarias haberá espazo para a sinatura de exemplares por parte dos autores asistentes. A entrada será libre.

Deja un comentario