Wednesday 15 de April de 2026

O Pleno aproba por unanimidade o V Plan para a Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 2026-2030 do Concello de Brión


O alcalde informou de que a Delegación Territorial de Educación cofirmou ao Concello que está tramitando o expediente para a instalación dos vinilos que atenuen o calor nas aulas do IES de Brión

O Pleno municipal de Brión vén de aprobar por unanimidade o V Plan para a Igualdade entre Homes e Mulleres (PIOM), que terá vixencia entre os anos 2026 a 2030. Un plan ao que todos os veciños e veciñas de Brión terán acceso en versión dixital a través da páxina web municipal e que inclúe un código de boas prácticas, especialmente dirixidas a integrar a perspectiva de xénero na xestión municipal cotiá.

O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, agradeceu a colaboración da veciñanza de Brión na elaboración deste quinto plan durante o seu período de consulta aberta, “tempo no que puideron achegar as súas inquedanzas, propostas e ideas co obxectivo común de construír un concello máis seguro, libre e igualitario”. Froito destas consultas e do traballo dos Servizos Sociais do Concello de Brión realizouse unha diagnose da realidade municipal dende unha perspectiva de xénero e se fixaron obxectivos para eliminar toda discriminación por razón de sexo. “Isto implica a creación dun código de boas prácticas e a integración da perspectiva de xénero na xestión municipal diaria para tratar de acadar unha igualdade real”, sinalou o alcalde brionés.

Resto da sesión

O resto da sesión plenaria caracterizouse pola unanimidade, pois todas foron aprobadas sen debate e por acordo dos tres grupos municipais. Así, aprobouse o inventario municipal a decembro de 2024, que ascende a 48.346.282,89 euros, unha vez sumadas as altas do último ano (2.041.137.69 euros) e descontadas as baixas (14.112,33 euros). Así mesmo, aprobouse unha modificación ao convenio asinado co Concello de Ames para a xestión e organización do obradoiro dual de emprego Renova Verde.

Finalmente, o Pleno tomou coñecemento da renuncia de Teresa Avelina Andrade á súa acta como concelleira do BNG, polo que se remitirá requirimento á Xunta Electoral Central para a designación de substituta que, de acordo coas listas electorais, sería Marta Romero García. Ademais, aprobáronse como declaracións institucionais dúas propostas achegadas pola Federación Española de Enfermidades Raras e a FEGAMP, co gallo do Día das Letras Galegas 2026 dedicado a Begoña Caamaño.

IES de Brión

Na quenda de preguntas, o alcalde de Brión informou de que a semana pasada mantivo un contacto informal co director territorial de Educación na Coruña, Santiago Freire, no que lle comunicou que se está tramitando o expediente para contratar a instalación de vinilos que atenúen o calor nas aulas do IES de Brión, atendendo así as demandas da comunidade educativa brionesa. Unha situación da que non se deu traslado ao centro á espera de que dende Educación determinaran as datas nas que se procedería á instalación dos vinilos.

Neste sentido, a voceira do Grupo de Goberno, Sandy Cebral, reiterou “o noso apoio sempre ás demandas da comunidade educativa de Brión”, lembrando que no Concello só houbo un escrito sobre as altas temperaturas no IES, presentado pola ANPA Pedra Viada o 20 de xuño de 2025, “non dous anos antes como se está a dicir”. Unha demanda da que o Concello deu traslado directamente á Consellería de Educación, durante as reunión mantidas polo alcalde co conselleiro. Ademais, a voceira municipal tamén lembrou que “durante a sinatura do convenio de mellora do CEIP e do IES de Brión, feito no propio instituto en maio de 2025, ninguén da Dirección ni do Profesorado do IES presentes lle trasladaron esta petición ao conselleiro”. Unha cuestión que tampouco foi tratada na última reunión do Consello Escolar e sobre a cal a derradeira información dispoñible foi un contacto informal coa concelleira de Educación, que mentres estaba no seu traballo se atopou con representantes da ANPA que a convocaron a acudir a unha posterior reunión para abordar este tema. Reunión que non foi convocada, a día de hoxe.

Deja un comentario