Wednesday 15 de April de 2026

A Xunta difunde o audiovisual en galego entre o alumnado universitario e de formación profesional


— As tres facultades de Comunicación galegas e catro centros de ensino medio de Imaxe e Son acollerán cadansúa xornada a cargo de responsables da produción en activo

— A acción organízase a través da Agapi e chegará ás catro provincias co obxectivo de facilitarlles aos futuros profesionais un contacto directo co sector

Alumnado das tres facultades galegas onde se imparten estudos de Comunicación e de catro centros de formación profesional en Imaxe e Son é o destinatario dunhas novas xornadas organizadas pola Xunta de Galicia para difundir o audiovisual en galego nas aulas de ensino superior e secundario. A través da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), levaranse a cabo sete xornadas a cargo de 14 profesionais da produción en activo, co obxectivo de lle proporcionar ao estudantado un contacto directo co sector e coa realización de filmes no noso idioma.

As sesións formativas, financiadas en virtude da colaboración establecida entre o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) do Ministerio de Cultura e a Axencia Galega das Industrias Culturais, chegará ás catro provincias mediante un calendario de actividade que dará comezo mañá na Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e se desenvolverá ata o mes de maio, despois de que persoas referentes con extensas traxectorias, diferentes perfís e cargos no proceso audiovisual, visiten as aulas dos graos en Comunicación Audiovisual das universidades da Coruña (UDC) e Vigo (UVigo), así como das Escolas de Imaxe e Son da Coruña e de Vigo, do CIFP A Farixa (Ourense) e sa Fundación TIC, do EIS de Lugo.

O programa das Xornadas de Difusión do Audiovisual en Galego centrarase en analizar a produción propia para abordar as súas claves actuais, ademais de tratar a presenza no exterior, tanto a súa circulación como a participación en mercados especializados.

Primeira cita con Adriana P. Villanueva e Silvia Fuentes
A primeira cita, mañá na USC, contará coa participación de Adriana P. Villanueva e Silvia Fuentes, produtoras en Illa Bufarda e Sétima, respectivamente. A seguinte sesión será o 21 de abril na Facultade de Comunicación do Campus de Pontevedra, onde acudirán Marina García, de Sintagma Films; e Daniel Froiz, de Matriuska Producciones.

Pola súa banda, Gael Herrera, de Tamboura Films, xunto a Rubén Coca, de Artyc Content, reuniranse o 24 de abril co alumnado ourensán do CIFP A Farixa; en tanto que a UDC recibirá o 27 de abril a Álvaro Liste, de Serea Films, e a Felipe Lage Coro, de Zeitun Films. Ao día seguinte, 28 de abril, a xornada prevista terá lugar na Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC, en Lugo, das mans de Brandán Cerviño, de Filmes de Pedra, e de Alberto Díaz, de Mordisco Films.

Andrés Sanjurjo, de Acariño Films, e Alberto Domínguez, de Tréboa Media, correrán a cargo da sesión que se desenvolverá o 30 de abril no CIFP Someso (A Coruña), en tanto que Irene Pin, produtora en Aqueladas e Coral Piñeiro, homóloga en Sombriza Films, serán as protagonistas do último dos encontros formativos organizados nesta serie, o 6 de maio na Escola de Imaxe e Son de Vigo.

A Xunta de Galicia continúa deste xeito afondando en complementar os estudos regrados nos ámbitos superior e medio con novas accións que se sitúan na liña doutras xa existentes, tales como o ciclo de master classes AuGAl, que recenetemente finalizou a súa 13ª edición na Facultade de Comunicación de Pontevedra (UVigo), a colaboración anual co Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC) ou as dinámicas que se desenvolven a través da Filmoteca de Galicia co programa Cinema en curso.

Deja un comentario