A alcaldesa visitou co concelleiro de Obras, Xesús Domínguez, a ampla intervención de Pontepedriña para mellorar a calidade do espazo público e preparar a cidade fronte ao cambio climático.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín Rei, visitou este mércores o Barrio Verde de Pontepedriña xunto co concelleiro de Vías e Obras, Xesús Domínguez, para supervisar a actuación de renaturalización que impulsa o Concello de Santiago. Nesta intervención salienta o novidoso sistema de xestión das augas pluviais, destinado a aumentar a resiliencia da cidade fronte ao cambio climático, que supón un cambio de paradigma.
Como alternativa á recollida da auga da chuvia pola rede municipal de drenaxe, estase traballando nun novo sistema de condución cara ás novas zonas verdes da rúa, deseñadas como áreas drenantes. A función destas é eliminar os residuos e a contaminación da auga e favorecer a súa infiltración no terreo. O funcionamento deste novo sistema, que será medido nos próximos anos, servirá para transformar outras áreas de Santiago e mellorar a adaptación da cidade fronte a eventos climáticos imprevisíbeis e de maior pluviometría, coma os que se rexistraron durante o pasado inverno.
En declaracións aos medios de comunicación, Goretti Sanmartín fixo fincapé en que “Compostela avanza cara a un novo modelo de xestión da auga pluvial máis sustentable e que permitirá paliar os efectos do cambio climático e reducir o risco de inundación noutros puntos da cidade”. Sanmartín Rei destacou que os traballos no Barrio Verde de Pontepedriña avanzan e puxo o foco no carácter modélico desta actuación, que ten como obxectivo mellorar a calidade ambiental do espazo público e a vida das persoas.
Extensión da zona verde por Pontepedriña
A rexedora e o responsable municipal de Vías e Obras iniciaron a visita na rúa do Escultor Camilo Otero, onde puideron observar a intervención no parque Eugenio Granell e no noiro do IES de Pontepedriña. Desde alí revisaron tamén a balsa de biorremediación destinada a recoller a auga da chuvia da rúa de Amor Ruibal, así como a calella polo que discorre a canle.
A continuación, na rúa de Amor Ruibal, Sanmartín e Domínguez comprobaron a transformación case completa dunha marxe da vía e a evolución dos traballos na outra.
A renaturalización abrangue todo o barrio de Pontepedriña, cun investimento de 1,8 millóns de euros. Está incluída no proxecto Entre Sar e Sarela, do que forma parte o Concello xunto coa USC e conta co cofinanciamento da Unión Europea con fondos Next Generation a través da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica. En palabras da alcaldesa, esta profunda intervención supón “estender até a rúa Amor Ruibal a zona verde que anteriormente ficaba limitada ao Parque Eugenio Granell”.
Avance das obras e mellora do espazo público
Nos últimos meses, a actuación avanzou coa realización de traballos de mellora nas zonas verdes adxacentes ao barrio seguindo os criterios do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) para incrementar a calidade ambiental, coa plantación de especies autóctonas, a redución do impacto de infraestruturas e a creación de zonas de estancia máis cómodas e saudábeis. Estas actuacións concéntranse na rúa do Escultor Camilo Otero, a faixa verde do parque Eugenio Granell e a praza do Pintor Laxeiro, onde os traballos se están executando neste momento.
Coa finalidade de mellorar a calidade ambiental, elimináronse especies invasoras e demoléronse zonas pavimentadas e impermeábeis. O pavimento das beirarrúas está a ser substituído por materiais drenantes que permiten a infiltración da auga e o intercambio gasoso.
En Amor Ruibal distribuíuse a superficie con maior eficiencia, reducindo o espazo para coche, mantendo a circulación en ambos sentidos, en favor de máis zonas destinadas ao verde urbano, á infiltración da auga da chuvia, á estancia e a outras formas de mobilidade.
Tamén avanza a construción dunha plataforma única na área fronte o instituto e o centro sociocultural, que incrementará a seguridade e a accesibilidade para todas as persoas.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.