O Concello colabora nesta carreira e andaina a favor da Anpa de Castiñeiras
O Concello de Ribeira e a Anpa de Castiñeiras organizan a sexta edición do Memorial Juan Vidal Pérez; unha proba que convida a correr e camiñar no domingo, 19 de abril, a favor da asociación do colexio Sagrado Corazón de Jesús de Castiñeiras. Esta cita que suma deporte e solidariedade partirá ás 11.00 horas dende as pistas do Castro para percorrer unha distancia de cinco quilómetros pola contorna da parroquia ribeirense.
Segundo declara o concelleiro de Deportes, Álex Vidal, “unha vez máis deporte e solidariedade volven ir da man, desta vez, cun evento dirixido a favor dunha Anpa con gran dinamismo como é a do colexio Sagrado Corazón de Jesús. Quero destacar o labor desta entidade a prol do alumnado e das súas familias, pero que tamén se estende ao conxunto da sociedade ribeirense. No domingo toca calzar novamente zapato cómodo para correr ou andar por unha boa causa.”
As inscricións formalizaranse na páxina web www.galitiming.com por unha cota de 6 euros nas distintas modalidades, se ben os menores participarán de balde. O recadado irá destinado a sufragar as iniciativas que pon en marcha a Anpa do centro educativo.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.