Wednesday 15 de April de 2026

Concerto histórico da Orquestra Sinfónica de Galicia en Londres na actuación central da súa xira por Reino Unido


Inés Rey: “A OSG é un referente internacional, ademais dunha excelente embaixadora da nosa cidade”

A Orquestra Sinfónica de Galicia culminou o concerto de Londres, eixo central da súa xira polo Reino Unido, cun éxito absoluto que consolida o carácter histórico deste percorrido internacional. O Cadogan Hall, con todas as entradas esgotadas desde días antes, acolleu unha velada marcada pola intensidade artística e unha resposta entusiasta do público, que volveu despedir á formación galega cunha prolongada ovación.

A cita londinense contou coa presenza da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, que quixo amosar o respaldo institucional á OSG nesta histórica actuación, fito desta xira británica, non só polo cheo absoluto, senón pola confirmación do extraordinario impacto que a OSG está a xerar en cada unha das súas actuacións. “Este día marca a traxectoria da formación, impulsada cara a súa internacionalización grazas ao respaldo que lle amosamos desde o Concello”, indicou Rey, quen recordou que o éxito da orquesta coruñesa resulta especialmente significativo nunha cidade cun público moi especilizado en música clásica e na que actúan regularmente as mellores formacións do mundo. “Non tiñamos ningunha dúbida da valía dos nosos músicos, creo que o éxito que están a ter na xira británica confirma o que sempre dicimos: que a OSG é un referente internacional ademais dunha excelente embaixadora da nosa cidade”, dixo Rey.

Con este concerto, a formación supera o ecuador da súa xira tras percorrer xa Bristol, Birmingham, Basingstoke, Manchester e Londres, onde a acollida foi unanimemente triunfal.

Ovacións en pé, salas entregadas e unha conexión inmediata co público definiron un itinerario que está a situar á orquestra galega como unha das propostas máis celebradas do circuíto.

Cada concerto foi, ata o de agora, unha experiencia compartida na que o repertorio —un diálogo entre a tradición española e a elegancia europea— brillou tanto pola súa precisión como pola súa capacidade evocadora. En Bristol e Basingstoke, ese vínculo estendeuse máis aló do programa coa interpretación como bis de ‘Negra Sombra’, baseada no poema de Rosalía de Castro e con arranxo de Pete Hope, nun momento de especial carga emocional que reforzou a identidade galega ante o público internacional.

O concerto de Manchester supuxo ademais un punto de inflexión coa estrea mundial de ‘Ruada’, do compositor Fernando Buide, obra creada especificamente para esta xira e recibida con gran entusiasmo. Esta peza, xunto á presenza da música de Rogelio Groba no programa inicial, consolidou o compromiso da OSG coa creación galega contemporánea como un dos eixos distintivos da xira.

Tras o éxito de Londres, a Orquestra Sinfónica de Galicia continuará o seu percorrido por Nottingham e Sheffield, pechando unha xira que xa deixou unha pegada profunda tanto no público como nos escenarios británicos.

Neste tramo central do circuíto, a OSG non só cultivou aplausos: reafirmou a súa identidade, a súa excelencia artística e a súa capacidade para emocionar máis aló de calquera fronteira, confirmando que o son construído desde A Coruña e coa con forza propia no panorama internacional.

Deja un comentario