O prazo de inscrición xa está aberto e as prazas son limitadas
O Concello de Ribeira pon en marcha un novo programa para dinamizar o tempo de lecer e a Casa da Xuventude. Trátase de Mocidade Formada que nace coa vontade de ofrecer unha ferramenta para facilitar a aprendizaxe formal e informal da xente moza maior de 16 anos. A través da formación compleméntase o programa de ocio Por fin é finde! orientado a partir dos 12 anos.
Segundo explicou a concelleira de Xuventude, Carmen Pérez, este novo proxecto diferénciase en tres modalidades. As pílulas informativas serán cápsulas de aprendizaxe áxil e concentrada para adquirir coñecementos clave en pouco tempo; a formación presencial ofrecerá experiencias prácticas e colaborativas para desenvolver habilidades e crear rede; e a formación online contará cunha flexibilidade total para aprender a diferentes ritmos e dende distintos lugares e días.
O inicio da impartición do curso oficial de monitorado en actividades de tempo libre evolucionou neste novo proxecto que aglomera máis actividades formativas de balde que botan a andar co curso de iniciación a DJ que se desenvolverá no 25 de abril, en horario de tarde, na propia Casa da Xuventude. A rapazada participante asistirá a cinco sesións guiadas por persoas expertas que ensinarán os distintos elementos do equipo, as mezclas, os hot cues ou o grid, entre outros aspectos que compoñen o temario.
“Este curso xorde para ofrecer formación demandada pola propia mocidade e que despois poderá redundar na súa participación noutros proxectos que ofreza o Concello de Ribeira”, manifesta a edil na compaña do técnico municipal de Xuventude, Mario Vidal, quen avanzou que os cursos que van ter certificación a nivel curricular.
As inscricións xa están abertas e as prazas son limitadas. O trámite formalizarase presencialmente na propia Casa da Xuventude, no enderezo electrónico xuventude@ribeira.gal ou no teléfono de contacto 981 835 289.
En vindeiras datas tamén se levará a cabo a primeira pílula informativa que versará sobre Pensar antes de compartir: como informarse na era dixital. Tamén se informará proximamente sobre os cursos en liña de educación inclusiva e atención á diversidade; manipulación de alimentos; protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia; e calidade pedagóxica das actividades de tempo libre.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.