— Os últimos datos oficiais de 2024 confirman que o ritmo ao que baixan os gases de efecto invernadoiro na Comunidade é moi superior á media estatal e segue sendo a rexión que máis carbono absorbe, un total de 9,6 millóns de toneladas de CO2
— Ángeles Vázquez incide en que a transición ecolóxica para avanzar cara á neutralidade climática require do compromiso das empresas e de políticas públicas eficaces e pon a Ferroglobe como exemplo de industria responsable e competitiva
— Anima ao tecido empresarial a seguir apostando por iniciativas que reduzan as súas emisións e sitúen a Galicia á vangarda dos procesos de descarbonización industrial
Galicia consolida a súa posición como a comunidade española que máis logrou reducir en 2024 as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (GEI) con respecto a 1990, ano de referencia a nivel comunitario para as políticas en materia de clima. En concreto, a baixada rexistrada neste período foi do 68,5% fronte ao 12,8% no que se sitúa a media nacional.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, destacou hoxe estes datos durante a súa visita ás instalacións de Ferroglobe en Arteixo, unha factoría dedicada á produción de silicio metálico que está a desenvolver un proxecto de descarbonización industrial pioneiro en Galicia para substituír progresivamente o carbón mineral que utiliza agora para producir por carbón vexetal procedente da madeira.
Tras subliñar que os últimos datos oficiais dispoñibles volven situar a Galicia á cabeza da clasificación nacional en canto a redución de emisións netas —é dicir, a diferencia entre emisións e absorcións—, a responsable autonómica incidiu en que a Comunidade avanza a bo ritmo para acadar a neutralidade climática no horizonte de 2040, obxectivo incluído na Lei do clima galega aprobada o pasado mes de febreiro e que supón adiantarse unha década ao prazo fixado pola propia Unión Europea.
Neste sentido, salientou que no período 1990-2024 Galicia logrou reducir en máis de dous terzos as súas emisións netas e que tamén é a comunidade española que lidera a baixada de emisións GEI interanual, cun 9,8% menos que en 2023.
Ademais, en 2024 volveu ser a comunidade autónoma que demostrou ter unha maior capacidade de absorción de carbono, captando 9,6 millóns de toneladas de CO2 equivalentes —é dicir, o 18,45% do total de carbono almacenado en España—.
Por todo o exposto, a conselleira atribuíu a posición actual de Galicia, que logrou reducir en máis de dous terzos as súas emisións netas desde 1990 e supera xa o obxectivo marcado por Bruxelas para 2030, á estratexia e ás medidas implementadas pola Xunta nos últimos anos para avanzar en descarbonización e acadar unha comunidade neutra en emisións. Uns avances que, tal e como explicou, non serían posibles sen unha “visión compartida” entre o sector público e privado, que require neste eido tanto do compromiso das empresas como de políticas públicas eficaces e ambiciosas.
Ao respecto, considerou que as instalacións de Ferroglobe en Arteixo son un bo exemplo de como unha iniciativa industrial pode medrar e mellorar a súa competitividade apostando á vez pola innovación e a sostibilidade nos procesos produtivos. Así, a nova planta de carbón vexetal que está a construír a empresa en Sabón permitirá reducir de maneira significativa as emisións contaminantes do complexo —en concreto, algo máis de 89.000 toneladas anuais de CO2 grazas á substitución da hulla por biocarbón— e é a primeira actuación destas características que se leva a cabo en Galicia.
Neste sentido, a conselleira explicou que este proxecto fixo necesario tramitar unha modificación da Autorización Ambiental Integrada vixente nestas instalacións, que destacan, precisamente, polo seu alto grao de cumprimento dos requisitos fixados a nivel medioambiental.
De feito, sinalou que segundo a última memoria do Programa de inspección ambiental, o ano pasado Ferroglobe foi unha das empresas que superaron con nota os controis da Xunta e a modo de exemplo, indicou que en 2024 reduciu nun 24,5% as súas emisións na produción de aceiro e ferroaleacións, o que a converte nun caso destacado en Galicia dentro das empresas que operan en réxime de comercio de dereitos de emisións GEI.
Apoio da Xunta á descarbonización industrial
Por último, Ángeles Vázquez sinalou que o Goberno galego acompaña desde hai anos ás empresas para que avancen na súa transformación cara a unha economía máis verde, apostando por medidas que contribúan á simplificación dos procedementos administrativos, ao reforzo da seguridade xurídica ou a facilitar a compatibilización entre desenvolvemento económico e protección ambiental.
Por iso, animou ao tecido empresarial galego a seguir apostando por iniciativas que reduzan as súas emisións GEI e sitúen a Galicia á vangarda dos procesos de descarbonización industrial, como é o caso da futura planta de carbón vexetal en Sabón.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.