Friday 22 de November de 2024

O DOG publica hoxe a resolución que regula a adhesión de “aliados dixitais“ ao Plan de Inclusión Dixital en Galicia


Profesionais e entidades públicas ou privadas poderán sumar capacidades, recursos e iniciativas e conseguir un efecto multiplicador das actuacións

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha resolución da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia pola que se regula a adhesión de “aliados dixitais“ ao Plan de Inclusión Dixital en Galicia, que desenvolve a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Poderá ser “aliado dixital” calquera entidade ou profesional do ecosistema dixital que teña interese en participar no desenvolvemento da sociedade dixital en Galicia contribuíndo á mellora da inclusión dixital.

Para formalizar a adhesión como aliado dixital, tan só será necesario cumprimentar o procedemento telemático dispoñible dende hoxe mesmo na sede electrónica da Xunta de Galicia e acompañar a documentación que se require.

Os axentes interesados en participar na inclusión dixital da cidadanía galega, a través da organización de actividades formativas, conferencias e seminarios de alfabetización, capacitación dixital e innovacións social dixital, a cesión de contidos dixitais e espazos físicos, a posta en marcha de proxectos de inclusión dixital, etc, poderán facelo na categoría de “entidade colaboradora”, “mecenas dixital”, “referente dixital”, “mentor dixital” ou “voluntario/a dixital”. Esta actuación que permitirá sumar capacidades, recursos e iniciativas e conseguir un efecto multiplicador das actuacións

No caso das entidades que actualmente colaboran coa Rede CeMIT ou co Programa de Voluntariado Dixital integraranse coma aliados dixitais de forma automática, para darlle continuidade ás labores que se están realizando, e tan só terán que cumprimentar no formulario de solicitude electrónico, os datos identificativos da entidade, categoría de “aliado dixital”, liñas de interese e memoria das actividades a realizar, antes do 30 de maio.

Obxectivos do Plan
O Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, que aprobado no Consello da Xunta do pasado 21 de abril, ofrece á sociedade galega un servizo integral de dixitalización que abrangue desde as accións para a alfabetización dixital ata aquelas que permitan a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC. Para acadar este obxectivo o Plan establece actuacións en 3 grandes eixos estratéxicos: a alfabetización dixital, a capacitación dixital e a innovación social dixital e participativa.