Os encontros proseguirán no resto das parroquias en vindeiras datas
O goberno municipal de Ribeira reuniuse a última hora da tarde de onte coa veciñanza de Oleiros ao abeiro das xuntanzas que se desenvolven polas parroquias do termo municipal para fomentar a participación activa da cidadanía na política local; unha serie de encontros que comezaron en Corrubedo e Olveira.
“Foi unha xornada moi frutífera na que escoitamos dos propios veciños as súas aportacións para a mellora de Oleiros en canto a infraestruturas e servizos básicos. Houbo tamén propostas que consideraremos para o incremento de prestacións nesta parroquia.
Continuaremos con estas reunións veciñais polo resto de parroquiasporque consideramos que hai que escoitar para acertar. As boas dinámicas de grupo que se xeraron durante estes encontros demostran que estamos no bo camiño para construír unha mellor Ribeira entre todos”, segundo manifesta a alcaldesa, María Sampedro.
A maioría das solicitudes centráronse na implantación de melloras nos servizos básicos como os puntos de luz e colectores do lixo.
Ademais, abordouse a xestión da biomasa ao ser unha parroquia con moita masa forestal, as rozas das vías públicas -a brigada municipal pasará por Oleiros nas vindeiras semanas dentro da folla de ruta de traballo polo municipio- e a limpeza do río. En materia de seguridade, avaliouse a posibilidade de construción de beirarrúas en varios puntos e a ampliación de varias estradas.
Durante o encontro, os representantes do executivo local explicaron tamén que, ao abeiro do POS+2026, está previsto o aglomerado de varias vías para a mellora das infraestruturas e seguridade do rural por un importe de 68.600 euros; unha actuación que se materializará a comezos do vindeiro ano.
Así mesmo, informaron que continúan as obras de construción dos novos vestiarios do campo da Trinidade e está pendente a dotación de saneamento nos Muíños e en Xenxides.
Co obxectivo de manter unha comunicación máis fluída coa cidadanía e darlle unha solución con maior celeridade ás incidencias, lembraron
a posta en marcha da canle de whatsapp no número 689 117 816.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.