O prezo do contrato supera os 13.000 euros e ten duración dun ano
O Concello de Ribeira continúa dando pasos en materia de servizos sociais para mellorar a calidade de vida da súa veciñanza, facendo especial fincapé naquelas en risco de exclusión social. En consecuencia, a Administración local adxudica ao contrato de servizos para a execución dun programa de reforzo educativo a menores de familias usuarias do Departamento de Servizos Sociais.
Trátase dunha medida que busca ofrecer clases de reforzo co fin de apoiar o rendemento académico da rapazada, así como as súas perspectivas laborais futuras adaptando a intervención á idade, nivel madurativo e necesidades específicas do alumnado. A finalidade principal é, polo tanto, combater as consecuencias do risco de exclusión social mediante a promoción do éxito educativo, prevendo o abandono escolar e facilitando que o alumnado obteña o título da ESO; unha titulación clave para romper o círculo da vulnerabilidade e abrir camiños cara a inclusión sociolaboral. Entre os obxectivos específicos figuran o reforzo das competencias curriculares básicas; a promoción de hábitos de estudo e organización persoal; o fomento do desenvolvemento de habilidades socioemocionais; ou a promoción da igualdade de xénero.
Ao proceso concorreron un total de tres empresas, resultando mellor valorado o proxecto Saberes. O prezo do contrato sitúase nos 13.200 euros, exento de IVE, por período dun ano (dende abril de 2026 ata abril de 2027), con posibilidade de prórroga de dous meses.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.