A iniciativa, integrada no ciclo de Itinerarios Patrimonio C, desenvolverase entre abril e xuño con seis paseos guiados gratuítos. A asistencia é de balde previa inscrición que poderá ser realizada dende o venres 17 ás 12 horas a través do formulario dispoñible na web compostelacultura.gal.
Compostela Cultura propón un novo xeito de percorrer a cidade cos itinerarios ‘Compostela Des-parellada’
Compostela Cultura lanza unha nova edición dos Itinerarios Patrimonio C que, desta volta baixo o título ‘Compostela Des-parellada’, convidan a redescubrir a cidade desde unha perspectiva pouco habitual: a das relacións humanas que deixaron pegada no seu desenvolvemento histórico e social.
A concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, Míriam Louzao, presentou este martes a proposta nunha rolda de prensa que contou tamén coas intervencións de Xosé L. Penas Corral, deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, e Leo González, membro de Trivium, a entidade que conduce estas rutas comentadas.
Lonxe de abordar a historia desde relatos illados, os itinerarios ‘Compostela Des-parellada’ propoñen, a dicir da concelleira, “entender Santiago como o resultado dunha rede de vínculos —alianzas, enfrontamentos, amizades ou irmandades— que dalgún xeito contribuíron a construír a Compostela que hoxe habitamos e queremos coñecer un poquiño mellor”.
Na mesma liña, o deputado Xosé Penas, salientou que “o patrimonio se constrúe a través das ideas e das mans das persoas que antes e despois de nós, foron conscientes dunha preocupación única por deixar pegada na historia de cara ao futuro”. Por ese motivo, Penas convidou a cidadanía compostelá e da comarca a participar nestes itinerarios “máis importantes que unha simple visita patrimonial” pois permiten coñecer as figuras “que levaron o peso da historia”.
Así, ao longo dos percorridos, o público poderá achegarse a episodios e figuras que, en moitos casos, permanecen fóra dos relatos máis convencionais, transformando as rúas nun escenario onde memoria e patrimonio se entrelazan.
O membro de Trivium, Leo González apuntou algúns dos eixes que marcaron a selección destas figuras. Entre os contidos que se abordarán, destacan relacións marcadas polo poder, como a de Xelmírez e a raíña dona Urraca, cuxa ambición compartida —e tamén confrontada— resultou determinante para o papel político e espiritual de Compostela. Os itinerarios tamén abrirán espazo para a recuperación da memoria e das historias silenciadas, a través de figuras como as irmás Maruxa e Coralia Fandiño ou a relación entre Camiño Díaz Baliño e Ánxel Casal, exemplos do papel da cultura e da resistencia en contextos adversos. A dimensión literaria e mística da cidade estará presente nos vínculos entre Rosalía de Castro e Federico García Lorca, ou entre Valle-Inclán e Maneul Otero Acevedo, que permiten achegarse a unha Compostela tamén construída desde o pensamento e a creación. E nos percorridos aínda hai tamén lugar para historias de superación, como a das irmás Elisa e Jimena Fernández de la Vega, pioneiras que racharon o teito de cristal e abriron camiño para as mulleres na ciencia.
Os paseos, que serán conducidos por Emma Gutiérrez Castro, desenvolveranse os días 22 de abril; 6 e 20 de maio; e 3, 10 e 17 de xuño, sempre ás 19.30 horas. A participación é de balde, con inscrición previa a través da web de Compostela Cultura a partir do venres 17 de abril ás 12.00 horas. Teñen unha duración aproximada de hora e media e o punto de saída de cada un deles enviarase ás participantes xunto coa confirmación da reserva da praza.
Con esta nova iniciativa, Compostela Cultura reforza a súa aposta por ofrecer ferramentas para coñecer a cidade desde perspectivas contemporáneas, convidando a percorrer Santiago non só como un conxunto de espazos físicos, senón como un territorio vivo de historias compartidas que seguen a dialogar co presente.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.