A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, desprazouse hoxe a Porto do Son, onde asinou a aprobación definitiva do seu Plan Xeral
A Xunta outorgou hoxe a súa aprobación definitiva ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Porto do Son, o que vai dotar ao concello dun planeamento urbanístico actualizado e de calidade.
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, desprazouse hoxe ata a localidade para asinar a orde de aprobación definitiva deste documento, que substitúe á normativa anterior de máis de dúas décadas de antigüidade.
Entre outros beneficios, Mato destacou que o novo PXOM contribuirá “á mellor defensa e conservación dos valores naturais e ambientais do municipio”, dado que protexe as zonas máis sensibles e con maior riqueza natural, paisaxística, ambiental e cultural. Ao respecto, lembrou que no concello existen dous exemplos de “gran singularidade”: o complexo húmido de Corrubedo, e o Esteiro do Tambre. Ambos espazos están incluídos na Rede Natura 2000.
Ademais, a conselleira fixo fincapé en que o planeamento promove a actividade económica, ao establecer unha reserva de solo de carácter empresarial acorde coas demandas dos empresarios locais. Ao mesmo tempo, recolle unha obriga de integración paisaxística que limita o impacto visual que este solo empresarial pode ter no espazo costeiro.
O PXOM inclúe dous núcleos urbanos –Porto do Son e Portosín- e 160 núcleos rurais, dos que 25 son de nova creación. O planeamento potencia o crecemento dos núcleos rurais como punto vertebral do desenvolvemento urbanístico.
Urbanismo responsable
“A aprobación dun PXOM definitivo sempre é unha noticia positiva para Galicia”, considerou Mato, quen explicou que os planeamentos de calidade e respectuosos permiten “obter o máximo aproveitamento dos recursos dos concellos, reducindo ao mínimo os impactos negativos”. Os PXOM tamén aportan a seguridade xurídica que os municipios precisan para a súa dinamización económica e social. Por iso, proseguiu a conselleira, “contar cuns concellos cunha ordenación da máxima calidade é un desafío de presente e de futuro ao que debemos dar resposta”.
Desde 2009, o Goberno galego incrementou nun 160% os planeamentos actualizados. Hai sete anos, un total de 33 concellos contaban cun PXOM actualizado, mentres que agora esa cifra ascende 86. “Polo tanto, o PXOM do Porto do Son é o número 53 aprobado por este Goberno”, precisou a titular do departamento autonómico. É, ademais, o terceiro planeamento actualizado da comarca de Noia, tras o de Lousame (2004) e o de Outes (2011).
Co obxectivo de avanzar neste camiño, a aposta da Xunta ten sido “traballar man a man cos concellos”, tal e como se fixo con Porto do Son. O Goberno galego investiu preto de 200.000 euros para apoiar aos técnicos municipais na redacción deste PXOM.
Xa para rematar, Mato recordou que o compromiso da Consellería é “conseguir que non haxa ningún concello en Galicia en un planeamento de calidade”, un reto ao que dá resposta a nova Lei do solo, que entrou en vigor hai un mes.