O Concello de San Sadurniño concluíu hai uns días a segunda quenda de solicitudes de admisión na Escola Infantil Municipal A Rolada. Sumadas ás do primeiro período -o de reserva de praza para crianzas matriculadas no presente curso- a área de Igualdade recolleu un total de 24 peticións, todas elas admitidas. Na súa maioría trátase de solicitudes para as unidades de 1 a 2 anos e de 2 a 3. O centro, que aínda disporía doutras 14 vacantes nas distintas aulas, confírmase como servizo de referencia para a conciliación familiar tanto dentro como fóra de San Sadurniño, posto que se rexistraron solicitudes procedentes de Narón, Moeche, Cerdido, As Somozas e mesmo da Coruña. O Concello publicou a lista provisional de admisións no tablón de anuncios e na propia escola, ademais de estarlle comunicando xa ás familias a súa admisión. A matrícula no centro está cofinanciada pola Xunta e polo Concello. Ademais, o consistorio tamén subvenciona unha parte do custe do comedor.
A Rolada dispón dun total de 38 prazas: 8 na aula inicial de 3 meses a 1 ano de idade, 13 para idades comprendidas entre 1 e 2 anos e 17 na etapa final de 2 a 3 anos. O concello abriu na primeira quincena de marzo o prazo de reservas para aquelas familias que xa tivesen nenas ou nenos matriculados no centro e posteriormente, do 16 ao 31, estivo aberto o período para novas incorporacións.
Neste sentido, en canto á reserva de prazas, rexistráronse 19 solicitudes, das cales 6 foron para a aula de 1 a 2 anos e outras 12 para a de 2 a 3. Este ano tamén houbo unha reserva na aula de 0 a 1 ano, por tratarse dunha solicitude proveniente de persoal municipal, que entra xunto co da EIM A Rolada nos supostos de acceso prioritario. No tocante a novas incorporacións presentáronse cinco na etapa de 1 a 2 anos, o que fai, finalmente, un total de 24 solicitudes admitidas.
Botando a conta rápida quedarían, polo tanto, 14 vacantes distribuídas do seguinte xeito: 7 na aula de 0 a 1 ano, outras 2 prazas na aula de 1 a 2 e, por último, 5 prazas dispoñibles no curso de 2 a 3 anos, previo ao paso das nenas e nenos para o “cole de maiores”.
Estas cifras, igual que a lista de admisións, son provisionais. As familias teñen até o venres 24 de abril para presentar as alegacións que consideren oportunas. Se non hai ningunha, a lista definitiva publicarase o luns 27. De cumprírense estas previsións temporais -o máis seguro-, desde o día 28 de abril até o día 12 de maio estaría aberto o prazo para que as familias presenten a documentación da matrícula.
Este ano o servizo de conciliación segue sendo gratuíto ao estar cofinanciado pola Xunta e polo Concello. Unha gratuidade que non se aplica ao servizo complementario de comedor que, porén, está subvencionado en parte polo Concello.
A seguinte asignación de prazas, sen esperas
Nas próximas semanas completarase o proceso de cobertura de prazas na EIM A Rolada para o curso 2026-2027. O número final de crianzas podería variar á baixa, xa que hai familias que botan solicitude en máis dun centro e despois formalizan a matrícula naquel que lles cadra mellor.
En calquera caso, arestora -e en espera de saber cantas familias confirman a solicitude- San Sadurniño contaría con 14 prazas dispoñibles na súa escola infantil. Estas vacantes (ou as que finalmente queden tralo período de matrícula) poderán solicitarse despois sen necesidade de baremacións nin esperas, posto que se irán asignando por orde de rexistro ata completar a capacidade do centro. Toda a información e o acceso ao procedemento atópanse na Sede Electrónica municipal.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.