No encontro, a entidade trasladoulle o convite á alcaldesa para participar no acto central que celebrará no outono
ASPANEPS leva máis de catro décadas traballando na atención e saúde mental infanto – xuvenil e ás persoas con discapacidade
O Concello de Fene recibiu a unha representación da asociación ASPANEPS, entidade coa que o Concello mantén unha colaboración continuada e que este ano celebra o seu 45+1 aniversario.
Durante o encontro, a entidade trasladou á alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, o convite para participar no acto central conmemorativo, que terá lugar o vindeiro 16 de outubro e no que se darán cita profesionais, familias e persoas expertas nos ámbitos da infancia, a xuventude e a discapacidade.
ASPANEPS leva desenvolvendo o seu labor desde a década dos oitenta, consolidándose como unha ferramenta esencial na atención especializada á saúde mental infanto – xuvenil. Na actualidade, a entidade ofrece programas de atención temperá, intervención socioeducativa e outras iniciativas dirixidas a menores con discapacidade recoñecida, como o programa Oriéntame. Ademais, en Fene conta cun centro ocupacional dirixido a mozos e mozas maiores de 16 anos e persoas adultas con discapacidade intelectual.
No transcurso da reunión, a entidade puxo de relevo o incremento dos trastornos relacionados co neurodesenvolvemento, como problemas de linguaxe, TDAH, TEA ou dificultades de aprendizaxe, unha realidade que reforza a necesidade de continuar ampliando recursos e servizos especializados.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, quixo parabenizar a ASPANEPS polo seu aniversario, destacando que “falamos dunha entidade fundamental, que leva décadas acompañando a familias e ofrecendo unha atención imprescindible nun ámbito tan sensible como a saúde mental das menores”. A rexedora subliñou tamén que “o traballo que desenvolve ASPANEPS é clave para mellorar a calidade de vida de moitas persoas e para construír unha sociedade máis inclusiva e xusta”.
Permuy reiterou o compromiso do Concello de Fene de seguir colaborando coa entidade, apoiando o seu labor e contribuíndo ao desenvolvemento de programas que dean resposta ás necesidades da veciñanza.
Desde o Concello valoran especialmente o papel de ASPANEPS como referente no ámbito da atención á infancia e á discapacidade, así como a súa capacidade para adaptarse ás novas realidades sociais e ás demandas crecente da veciñanza.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.