A concelleira de Cultura e Xuventude, Silvia Agrafojo, entregoulles os Youthpass, que acredita a aprendizaxe adquirida en Lousame
A concelleira de Cultura e Xuventude, Silvia Agrafojo, e o técnico municipal de Voluntariado, Xosé Manuel Outeiral, presidiron o acto de despedida das dúas voluntarias europeas, Ogsanna Yeritsyan (Armenia) e Zhenya Yordanova (Bulgaria), que participaron durante os últimos dez meses no programa de voluntariado europeo “European Solidarity Corps”. Un acto no que lles entregaron os certificados Youthpass (un instrumento de recoñecemento europeo que sirve para identificar e recoñecer os resultados da aprendizaxe adquiridos durante este tempo en Lousame) así como unhas figuriñas de Sargadelos: un moucho para Ogsanna, gran amante dos animais; e unha sardiña para Zhenya, quen descubriu este manxar xusto ao chegar a Lousame.
Silvia Agrafojo agradeceu “o traballo realizado por Ogsanna e Zhenya, xa que estiveron colaborando e todos os ámbitos do concello de Lousame: no punto de atención á infancia, no centro de día, nas actividades culturais e deportivas… Estamos moi agradecidos pola vosa colaboración ao longo destes dez meses e agardamos que desfrutarades da vosa estancia en Lousame”. Así mesmo, agradeceu o traballo do técnico municipal de Voluntariado “por facer de Lousame unha referencia en materia de voluntariado, toda vez que somos un dos poucos municipios en Galicia que pode presumir de contar con voluntariado europeo, xuvenil e sénior”.
Xosé Manuel Outeiral explicou que o programa de voluntariado europeo creouse no 2016 “e dende o 2017 levamos desenvolvendo proxectos en Lousame coa participación de voluntarias chegadas dende Ucraína, Rusia, Italia, Bulgaria, Francia, Turquía…”. Así mesmo, agradeceu “a colaboración e traballo realizado por Ogsanna e Zhenya no Verán Activo, nos campamentos, dando charlas no colexio e no IES Virxe do Mar. Grazas por todo e moita sorte no futuro”.
Despedidas
Unha despedida moi sentida por ambas voluntarias, especialmente por Zhenya que non deixou de chorar durante todo o acto. Así, Ogsanna Yeritsyan sinalou que “formar parte deste proxecto foi unha experiencia moi valiosa para min. Quero dar as grazas a todo o persoal do concello e á comunidade local polo seu apoio e amabilidade. A Zhenya e outros voluntarios polos momentos compartidos e de traballo, con especial mención ao noso coordinador, Oute”.
Así mesmo, asegurou que “Lousame é un lugar moi especial, con xente incrible. Recordarei con moito cariño a todas as persoas, as festas no club de xubilados, os nenos da gardería e do colexio, as viaxes a diferentes lugares e todas as experiencias compartidas. E, por suposto, á choiva”. Isto é así porque no seu país de orixe non adoitan ver tantas precipitacións e aínda menos coa intensidade que se producen en Galicia. Ogsanna foi a segunda en incorporarse ao voluntariado, xa que ao proceder dun país extracomunitario o seu visado de residencia tardou máis tempo do inicialmente previsto.
Unha moi emocionada Zhenya Yordanova comezou a súa intervención salientando que “un dos maiores misterios para min sempre foi como unha persoa que non coñecías, de repente nuns meses se converte en parte da túa vida e deixa unha pegada no teu corazón e se converte en amigo para sempre”. Así, lembrou que xa estivera antes en Galicia, pasando un tempo na Coruña e ao que desexaba volver polo que “cando un día apareceu o anuncio dun proxecto en Lousame, non o dubidei un segundo. Incluso pensei que era demasiado bonito para ser verdade pero aquí estou, un ano despois, na miña Galicia. Diferente, máis valente, chea de recordos e de persoas”.
Por iso asegurou que “grazas é unha palabra demasiado pequena para expresar o que sinto a todas as persoas de Lousame. Non quería mencionar nomes, por medo a olvidarme dalguén, pero hai persoas que non poden faltar. Grazas a Silvia pola súa cercanía e ensinarme o importante que é ser amable e acolledor cos demais. Grazas ás persoas maiores e do club de xubilados, especialmente a Maribel que sempre me recibía cun <ola guapa>. Grazas a ela sei o que significa esa palabra. Dela aprendín que unha soa palabra pode alegrarche o día”.
Por último, agradeceu a colaboración de Ogsanna e Outeiral, a “persoa que fixo realidade este soño. Grazas a el tiven a oportunidade de descubrir tantos lugares marabillosos que quedarán no meu corazón. El é o principal culpable de que hoxe poida falar español porque me animaba, cría en min e nunca me deixou renderme. El e a súa marabillosa familia fixeron que me sentira como en casa, acollida, apoiada e rodeada de cariño. A miña familia e eu estarémoslle sempre agradecidos por todo isto. Non quero dicir adeus, así que direi ata logo porque sei que Lousame é parte de lin e sempre volverei aquí.
O Concello de Lousame é un dos poucos municipios de Galicia que xestiona programas de Voluntariado Europeo, sendo ao mesmo tempo entidade de envío como de acollida de voluntarios/as. En 2017 iniciou este camiño coa acollida de dúas voluntarias, a francesa Lucíe Rimasson e a rusa Anna Uvarova (presente no acto de hoxe); entre 2018-2019 contaron coa colaboración da ucraína Oksana Kalinicheko e a rusa Iuliia Bautdinova; mentres que a persoa que ía participar no programa de 2020 volveu á súa terra natal xa que a súa chegada coincidiu co inicio dos meses de confinamento pola Covid-19. Dende entón contaron coa colaboración de cinco voluntarias turcas: Ebru Karaca e Dilara Güven (2021); Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas (2023); e Fatma Erdemoglu, xuntao á italiana Letizia Saccani (2024).




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.