Estes servizos atenderán nenos de entre tres meses e tres anos nos concellos de menos de 5.000 habitantes sen outros recursos de atención á infancia
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello a aprobación da convocatoria de axudas que financiará a posta en marcha de casas niño no rural galego e contará cun importe de 19.600 euros ao ano por cada casa niño.
As que arranquen neste 2016 recibirán unha cantidade algo inferior, correspondente aos meses nos que estivesen funcionando efectivamente. Este servizo atenderá a nenos de entre tres meses e tres anos de idade nos concellos de menos de 5.000 habitantes nos que non exista ningún outro recurso de atención continuada á infancia, unha situación na que se atopan 107 concellos.
“Poñemos en marcha as casas niño por primeira vez en Galicia, copiando a países como Alemaña, Suíza, Francia ou o Reino Unido, onde xa están funcionando”, dixo o presidente da Xunta, logo de precisar que cada casa niño atenderá ata cinco cativos, con flexibilidade e seguindo as máis estritas normas de seguridade e calidade.
Cómpre salientar tamén que esta atención será gratuíta na modalidade diúrna e de luns a venres. Os pais poderán recorrer a ela un máximo de oito horas ao día nun horario flexible que se pactará co profesional.
Os nenos que acudan á casa niño deberán estar empadroados no concello onde estea situada ou nun municipio limítrofe que tampouco dispoña destes recursos. Por outra banda, as persoas físicas ou cooperativas de traballo asociados que desexen optar a estas axudas para poñer en marcha casas niño deberán dispoñer dunha das seguintes titulacións: técnico superior en educación infantil; maxisterio de educación infantil ou primaria; grao en Psicoloxía, Pedagoxía ou Educación Social; un diploma que acredite ter asistido aos cursos de formación que a Xunta impartirá para os profesionais das Casas Niño ou ter formación ou experiencia acreditada en atención á infancia.
Así mesmo, quen concorra ás axudas deberá residir nun núcleo rural que non teña recursos de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade e contar cunha vivenda equipada cos seguintes recursos: calefacción con protección, unha sala con iluminación e ventilación naturais e un mínimo de 4 metros cadrados por menor; unha zona diferenciada para o descanso e a hixiene infantil e outra para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos; elementos de protección —enchufes de seguridade con tapas protectoras, protectores antipillado de dedos nas portas, seguros de ventás, barreira de seguridade con porta, protección contra incendios…—; mobiliario e equipamento básico para a atención dos nenos; e dispoñer dun plan de actuación cos nenos para atender posibles emerxencias que poidan darse na casa niño.
Integración laboral
Para contribuír á integración laboral de persoas en situación de especial protección, recibirán unha puntuación adicional as persoas paradas de longa duración, menores de 35 anos e maiores de 55 anos, persoas con discapacidade igual ou superior ao 33% —sempre que sexa compatible coa atención á casa niño—, e mulleres vítimas de violencia de xénero.
Logo de precisar que a través desta convocatoria subvencionaranse a adaptación da vivenda e a súa dotación de equipamento e a prestación de atención aos nenos, Feijóo afirmou que as axudas para gastos de investimento consistirán nunha subvención de ata o 100% dos gastos elixibles, cun límite máximo global por Casa niño de 15.000 euros.
O titular da Xunta concluíu afirmando que, en total, a convocatoria conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros, cos que se prevé financiar un máximo de 30 casas niño ata 2019. “Deste xeito, imos impulsar 150 novas prazas de atención á infancia no rural galego, unha área na que é especialmente prioritaria a dinamización demográfica e a fixación da poboación no territorio”, rematou.