Wednesday 15 de April de 2026

O documental Mulleres da Reconversión inicia o seu percorrido tras a súa emotiva estrea en Fene


Cabanas e Lugo acollerán as primeiras citas do percorrido do documental, en formato de proxección comentada polo seu director

O proxecto recupera a memoria das mulleres da reconversión naval desde unha perspectiva social e feminista

A curtametraxe documental “Mulleres da Reconversión” inicia o seu percorrido por diferentes puntos do territorio tras a súa estrea pública en Fene ao abeiro da programación provincial do 8M, onde acadou unha notable e emotiva acollida por parte do público.

A primeira das novas citas terá lugar este domingo 19 de abril ás 18:00 horas na Escola Laica de Cabanas ao abeiro da programación da Asociación Cultural Tarde Piache, nunha proxección comentada polo seu director, Iago Varela, que permitirá ao público afondar no proceso de creación da peza e no traballo de recollida de memoria realizado coas mulleres participantes.

O percorrido continuará máis aló da comarca coa súa proxección nun formato semellante o martes 21 de abril ás 20:00 horas no Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo, iniciando así unha nova fase de difusión a nivel galego.

Impulsado pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Fene, o documental constrúe un relato coral a partir dos testemuños de mulleres que viviron o proceso de reconversión naval de ASTANO como traballadoras, parellas ou fillas de traballadores.

“Este documental naceu da escoita. Había unha parte da historia da reconversión que non estaba contada, e que tiña que ver coa vida cotiá, cos coidados e co que pasaba nas casas mentres todo cambiaba ao redor”, explica o director, Iago Varela.

A peza combina entrevistas con imaxes simbólicas vinculadas á vida cotiá, ofrecendo unha mirada íntima sobre un dos procesos máis determinantes da historia recente de Ferrolterra.

“Para min era importante que non fose só unha sucesión de entrevistas, senón construír un relato que conectase co emocional e co colectivo. Que todas as mulleres que viviron a reconversión e outras loitas obreiras da nosa historia recente puidesen recoñecerse nestas historias”, engade Varela.

Esta etapa de difusión do documental por todo o país que se inicia agora busca ampliar o alcance do proxecto e continuar xerando espazos de reflexión arredor da memoria da reconversión naval.

Deja un comentario