O equipo disputará do 24 ao 26 de abril na Coruña a fase final de ascenso á Primeira Nacional, mentres a súa canteira acada resultados históricos en Galicia
A alcaldesa, Inés Rey, recibiu esta mañá no Concello ás xogadoras, corpo técnico e directiva do Club Voleibol Cidade da Coruña, nun acto de recoñecemento á súa traxectoria e ao seu destacado traballo no deporte de base da cidade.
O primeiro equipo feminino disputará do 24 ao 26 de abril na Coruña a fase final de ascenso á Primeira Nacional, compartindo grupo con conxuntos como o Rivas, Sant Just, Sanse ou Haris Tenerife, nunha cita que reúne aos mellores equipos da categoría. Máis alá do equipo sénior, o club está a protagonizar unha tempada histórica na súa base, sendo o único de Galicia en clasificar equipos para todas as fases finais galegas femininas, desde categoría benxamín ata júnior, ás que acceden unicamente os catro mellores conxuntos de cada liga. A isto súmase a presenza de equipos masculinos en categorías benxamín, alevín e infantil.
Entre os resultados máis destacados figuran o subcampionato galego xuvenil e os títulos de liga en categorías alevín, cadete e júnior, que lles outorgan o pase directo aos campionatos de España. O club conta, ademais, con arredor de 250 fichas federativas, consolidándose como un referente do voleibol galego.
Durante a recepción, Inés Rey destacou o compromiso do Concello co deporte base e anunciou que a cidade contará en breve cun novo espazo de vólei praia en Visma, que poderá ser utilizado polos clubs durante o verán para continuar co seu traballo deportivo.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.