Monday 13 de April de 2026

Belén do Campo amosa o seu respaldo aos concellos de Laxe, Malpica, Ponteceso e Cabana de Bergantiños ante os problemas de conectividade e reclama solucións urxentes á operadora


A delegada da Xunta subliñou que se trata dun problema que afecta a servizos esenciais, como o funcionamento dos propios concellos, tecido produtivo local ou o funcionamento diario dalgúns dos trámites dos centros de saúde, e que “non pode normalizarse no rural galego”

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo hoxe unha reunión de traballo a petición dos alcaldes de Laxe, Malpica de Bergantiños, Cabana de Bergantiños, e Ponteceso co obxectivo de analizar a situación derivada das reiteradas incidencias na prestación do servizo de telecomunicacións nestes municipios.

Durante o encontro, a representante autonómica trasladou o respaldo firme da Xunta ás reclamacións dos rexedores locais, que veñen denunciando desde hai meses cortes frecuentes nos servizos de telefonía e internet, con consecuencias directas sobre a actividade administrativa, económica e social da zona de forma recurrente pola falta de capacidade da infraestrutura neste territorio e tamén con gran incidencia nos últimos períodos estivais.

A delegada subliñou que se trata dun problema que afecta a servizos esenciais, como o funcionamento dos propios concellos, tecido produtivo local ou o funcionamento diario dalgúns dos trámites dos centros de saúde, e que “non pode normalizarse no rural galego”.

Neste sentido, lembrou que a prestación do servizo corresponde á operadora, que ten a obriga de garantir a súa continuidade e calidade, especialmente cando se trata de infraestruturas básicas para a cidadanía.

Os rexedores lle trasladaron unha solicitude a delegada para que a Amtega faga un seguemento destas anomalías nestes catros concellos e a intermediación coa operadora. Ademais, informaron tamén das queixas formales trasladadas tanto á operadora como á Delegación do Goberno, o pasado mes, solicitando unha inspección e a intermediación para que se poña fin aos cortes de suministro nestes catro municipios.

Belén do Campo destacou que o Executivo autonómico continuará colaborando con estes catro concellos para trasladar unha posición común e firme ante a operadora, “porque o rural galego non pode quedar atrás nun ámbito tan básico como as telecomunicacións”.

Por último, a representante autonómica quixo trasladar unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía, asegurando que a Xunta “seguirá vixiante e actuando dentro das súas competencias” para contribuír a unha solución definitiva a estes problemas.

Deja un comentario