Monday 13 de April de 2026

O concello impulsa unha nova campaña informativa para fomentar o uso do contenedor marrón


Os postos itinerantes percorrerán os núcleos urbanos para resolver dúbidas, entregar material de balde á veciñanza e captar novos usuarios.

O Concello desenvolverá durante as próximas semanas unha nova campaña informativa sobre a quinta fracción da recollida selectiva de residuos sólidos urbanos co obxectivo de seguir fomentando o uso correcto do contedor marrón destinado a orgánicos, así como incorporar a novos fogares ao sistema.
A iniciativa consistirá na instalación de postos informativos itinerantes nos tres núcleos urbanos do municipio, nos que a veciñanza poderá recibir asesoramento personalizado sobre o funcionamento do servizo e aclarar dúbidas sobre que tipo de residuos deben depositarse nesta fracción, contribuíndo así a mellorar a calidade da recollida e a reducir a presenza de impropios.
Ademais, as persoas interesadas en comezar a empregar o contedor marrón poderán darse de alta no programa municipal Ti tes a chave, recibindo no propio posto o material necesario de xeito gratuíto, incluíndo a chave de acceso aos colectores, un cubo ventilado para o fogar e bolsas compostables.
Os postos informativos estarán operativos nas seguintes datas e localizacións:
• 14 de abril: Praza do Concello.
• 21 de abril: Rúa Epifanio (xunto ao centro de saúde da Laracha).
• 28 de abril: Campo da feira de Paiosaco.
• 5 de maio: Praza Eduardo Vila Fano de Caión.

En todos os casos, o horario será de 10:30 a 13:30 e de 15:30 a 18:30 horas.
Con esta campaña, o Concello continúa a apostar pola sensibilización ambiental e pola implicación activa da cidadanía como elementos clave para avanzar cara a unha xestión máis sostible dos residuos.

Deja un comentario