A portavoz do goberno municipal, Míriam Louzao, deu conta en rolda de prensa dos principais asuntos tratados hoxe en Xunta de Goberno, entre os que salientou tamén o proxecto para a conexión do sector Lavacolla á rede xeral municipal de abastecemento de auga e a aprobación das bases do Premio SELIC de creación literaria.
A Xunta de Goberno aprobou na sesión ordinaria deste luns o expediente para licitar a subministración, instalación e mantemento de cubertas téxtiles para os parques infantís das Fontiñas (rúa de Berna coa rúa de Lisboa) e da praza da Constitución.
O importe deste contrato sitúase en 397.407,87 euros e divídese en dous lotes. O lote 1, para o parque das Fontiñas, ten un orzamento base de 186.686,37 euros, e o lote 2, para o parque infantil da praza da Constitución, de 210.721,50 euros.
A portavoz municipal sinalou que o prazo de execución é de cinco meses. “Trátase dun proxecto moi demandando e moi necesario que por fin imos facer realidade”, valorou.
Míriam Louzao detallou que o prego técnico require fornecer e instalar cubertas de estrutura metálica e formadas por unha membrana de alta resistencia en tecido de poliéster con recubrimento de PVC por ambas as dúas caras en cor branca translucida, cunha garantía para dez anos, ademais do seu mantemento preventivo e correctivo. Os materiais terán que ser eficaces fronte á incidencia da radiación solar, impermeables, resistentes aos refachos de vento, lixeiros e ignífugos.
O parque infantil da rúa de Berna ten unha superficie total de 500 m2, cunha lonxitude máxima de 30 m e unha anchura de 20 metros e con vexetación na contorna. A cuberta deberá harmonizarse con esta vexetación e, polo tanto, poderá cubrir total ou só parcialmente a superficie do parque pero garantindo que protexe da chuvia todos os elementos de xogo.
O parque da Constitución ten 270 m2 (28 x 12 m), se ben a cuberta poderá abranguer unha superficie maior para abeirar os espazos de estancia situados ao redor.
Conexión de Sabugueira á rede de abastecemento
En canto á contratación, a Xunta de Goberno adxudicoulle á empresa PROYFE SL a redacción do proxecto para a conexión do sector Lavacolla á rede xeral municipal de abastecemento de auga, por un importe de 56.435,01 euros.
Proxectaranse uns 8 quilómetros de tubaxes para as que se estima un orzamento de execución material de 961.560 euros. O prazo total para os traballos é de cinco meses, divididos en tres fases: tres meses para presentar o proxecto preliminar, un mes para redactar o proxecto de tramitación e un mes para o proxecto final.
“Trátase dun proxecto estratéxico porque permitirá dotar da presión e do caudal necesario un sector da rede, condición indispensable para continuar ampliando o servizo novas zonas e vivendas”, destacou a voceira do goberno.
O abastecemento de auga potable nos lugares situados a carón da antiga estrada nacional N-634 e da estrada municipal Mourentán-Costa subminístrase na actualidade dende o Concello de Boqueixón, a través dunha conexión situada nas inmediacións do aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro regulada mediante un convenio entre ambos os concellos. O obxectivo inicial deste convenio foi abastecer o aeroporto mais foise ampliando o servizo na zona.
Actualmente, esta configuración hidráulica e administrativa e as condicións técnicas de presión e caudal non permiten asumir adecuadamente as novas demandas, especialmente as que proceden de puntos elevados, como é o caso de Vilamaior ou Neiro. Ademais, os custos de adquisición ao Concello de Boqueixón son superiores aos que suporá o abastecemento desde a ETAP do Tambre.
O novo proxecto de conexión virá a dar solución a esta situación. Por outra banda, Míriam Louzao destacou que esta foi unha obras priorizadas no marco do Pacto polo rural.
O programa de necesidades que o contrato debe cubrir inclúe:
• Proxectar a arteria de conexión do sector coa rede xeral desde A Sionlla de Arriba, pasando polos lugares de Reboredo e Casais, ata o lugar da Lavacolla.
• Definir o reforzo da rede xeral de abastecemento no ámbito dos solos urbanizables previstos no PXOM na contorna de Formarís e da Sionlla de Arriba.
• Conectar ao sector de Lavacolla os lugares de Vilamaior e Neiro.
• Definir a desconexión do aeroporto deste sector, manténdo o seu abastecemento desde a rede do Concello de Boqueixón.
• Deseñar a implantación da rede nos lugares de Reboredo, Casais, Vilamaior e Neiro.
Premio SELIC
O goberno local aprobou tamén as bases da convocatoria do Premio SELIC de creación literaria 2026, que ten como obxectivo incrementar a presenza de Santiago de Compostela na literatura escrita en galego.
Míriam Louzao lembrou que o premio ten unha dotación de 6.000 euros e poden concorrer a él obras inéditas nos xéneros de narrativa, poesía, teatro e ensaio que teñan Santiago de Compostela como marco da acción ou referencia fundamental. As obras galardoadas publicaranse na colección SELIC que edita este Concello.
O prazo de recepción de orixinais ábrese ao día seguinte de que se publique a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e remata o 10 de setembro deste ano. Terán que enviarse ao Concello de Santiago de Compostela (apartado de correos 10. 15.780 Santiago de Compostela) en arquivo dixital editable e en papel, xunto cun sobre pechado identificado mediante lema ou pseudónimo que debe conter os datos da obra e da súa autoría. O veredicto do xurado farase público no mes de decembro.
Outros asuntos
Así mesmo, aprobáronse as bases para participar no VII Mercado do libro, que terá lugar os días 23 e 24 de maio de 2026 na praza Aurelio Aguirre, no marco da Festa do Banquete de Conxo.
A Xunta de Goberno tamén deu luz verde á xustificación do convenio asinado con Cruz Roja Española, cun importe de 124.607,24 euros, para o sostemento do programa Semus Compostela, que ten como finalidade a atención ás urxencias de carácter social cando os Servizos Sociais Municipais non están operativos e cun tempo de resposta moi breve. O SEMUS está dispoñible os 365 días do ano, entre semana en horario de 00:00 a 8 h e de 15 h a 24 h, e os sábados, domingos e festivos as 24 horas.
No tocante ás licenzas urbanísticas, outorgáronse as seguintes para obra maior: rehabilitación das fachadas e da cuberta do edificio situado no número 1 da rúa de Padrón; renovación de instalación e acabados nunha vivenda da Carreira do Conde, 20B; e construción dunha vivenda unifamiliar na rúa Sergude, 2.
Por urxencia, autorizáronse os créditos iniciais para a prestación por parte de TUSSA dos servizos da ORA, guindastre, depósito e xestiónda pasarela intermodal, para a anualidade 2026: 150.713,51 euros para a pasarela intermodal e 1.798.292,43 euros pola prestación dos servizos da ORA, guindastre e depósito.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.