Monday 13 de April de 2026

O Concello abre o prazo de inscrición do programa Lecer de primavera no Ágora e no Fórum


As solicitudes poderán presentarse os días 13 e 14 de abril, en liña ou presencialmente, e os pagamentos de continuidade realizaranse os días 14 e 15

O Concello abre os días 13 e 14 de abril o prazo de preinscrición do programa municipal de Lecer de primavera, que se desenvolverá nos centros municipais Ágora e Fórum. A programación está dirixida a persoas adultas e inclúe unha ampla oferta de obradoiros culturais e formativos en ámbitos como a arte, a literatura, o cine, a fotografía, a cidade, o teatro, a astronomía, a artesanía ou as habilidades mentais, entre outros.

A preinscrición poderá realizarse de forma telemática, a través de formularios específicos para cada centro, ou presencialmente tanto no Ágora como no Fórum, en horario de 9.00 a 14.00 horas. A inscrición en liña estará dispoñible nos seguintes enlaces aos formularios:
● Formulario para o Fórum: https://forms.gle/CJg3x4oTNv2WbArg8
● Formulario para o Ágora: https://forms.gle/gAzVMFr91cw6Z1UY6

As persoas que participaron no programa de outono e desexen continuar nos seus obradoiros deberán formalizar o pagamento os días 14 e 15 de abril. Este poderá realizarse mediante transferencia bancaria á conta ES95 0049 7796 1426 1000 4476 ou presencialmente no Ágora ou no Fórum, de 9.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, exclusivamente con tarxeta de crédito.

No caso dos pagamentos por transferencia, será imprescindible remitir o xustificante ao correo electrónico forumagora@osventos.com ou entregalo nas conserxerías, indicando o DNI/NIE, o nome da persoa participante, o centro correspondente e o obradoiro ou obradoiros abonados. Desde a organización recoméndase enviar o PDF ou unha captura da transferencia, xa que as aplicacións bancarias non sempre reflicten todos os datos necesarios para tramitar correctamente a inscrición.

Segundo recollen os programas, cada persoa poderá solicitar un máximo de dous obradoiros. As actividades están dirixidas a maiores de 18 anos e desenvolveranse entre o 20 de abril e o 5 de xuño. As cotas serán de 20 euros por obradoiro para as persoas menores de 65 anos e de 14 euros para as maiores de 65.

O Concello informa ademais de que o número de teléfono móbil empregado ata o de agora deixará de estar operativo desde hoxe. Unha vez iniciados os talleres, facilitarase un novo número de contacto ás persoas usuarias do programa.

Deja un comentario