A actuación máis recente en materia de aglomerado centrouse na rotonda de Padín
O Concello de Ribeira incrementou no orzamento municipal do 2026 a contía destinada a aglomerados e puntos de luz; “dúas cuestións básicas con gran demanda por parte da cidadanía, de aí que decidiramos incrementar a partida no presuposto”, explica a concelleira de Facenda e Obras, Herminia Pouso, quen apunta que, no que levamos de ano, a Administración local destinou xa 101.700 euros para as tarefas de mantemento que efectúan os doce traballadores da brigada municipal de Obras a quen a edil felicita polo “gran traballo que fan.”
Pouso indica que a climatoloxía adversa motivou que “non puidésemos actuar coa celeridade que nos gustaría, pois para as pavimentacións necesitamos tempo seco.” A actuación máis recente en materia de aglomerado é a que se efectuou onte na rotonda de Padín, rúa Lepanto e un tramo da avenida de Ferrol para dotar dun novo firme a unha zona con moita densidade de circulación ao conectar co centro urbano e coa principal vía que conduce ao polígono industrial de Xarás dende a cidade. Nesta ocasión, os traballos foron executados pola empresa Nemesio Ordóñez, S.A. por un importe de 23.879,23 euros, IVE incluído.
Se ben, a Administración local leva destinadas máis de 12 toneladas de aglomerado en diversas reparacións de fochancas por todo o termo municipal: avenida de Ferrol, Miguel Rodríguez Bautista, Canarias, Novoa Santos, Malecón, Carolinas, Xosé Ramón Fernández Barreiro, avenida da Paz, avenida da Coruña, Cubeliños, Cubelo, Valle-Inclán, a pista de acceso ás dunas, Bos Aires ou camiño da Cerca, entre outras estradas e camiños.
O coidado das vías tamén se materializou nos últimos meses coa limpeza das cunetas. As últimas actuacións centráronse nas parroquias de Palmeira (lugares da Carballa, Chacín, Lixó e San Pedro), Oleiros (Sobrido, Lixó, Balteiro e Salmón) e na avenida da Coruña.
E, en materia de estradas, tamén se solucionaron incidencias relacionadas coa sinalización vertical e espellos.
A brigada municipal de Obras tamén puxo o foco nos últimos meses na reparación de espazos públicos empedrados do municipio como
praza de España; avenida de Lugo; Rosalía de Castro; contorna da praza do Concello; rúa Santa Uxía; varias rúas en Corrubedo, Castiñeiras e Palmeira; praza do Rueiro; rúa Cordieiro, rúa Nova, rúa Real e Alto do Rial e, en vindeiras datas, efectuarase en Montevixán. Ademais, arranxáronse as beirarrúas da rúa Valle-Inclán e fronte a igrexa de Olveira.
Todo isto compleméntase tamén coa mellora do mobiliario urbano (como, por exemplo, pérgolas e aparcabicis) e arranxo e reinstalacións das marquesiñas dos Mosqueiros e Xarás, quedando pendentes as de Salmón e Aguiño. Tamén se dotou ao municipio de máis bancos e papeleiras como, por exemplo, Coroso ou Pedra da Ra.
Dentro do plan de traballo tamén se inclúe o mantemento dos parques infantís. Algúns dos que xa se melloraron foron os das Abesadas e García Bayón, continuando polo resto do municipio. Ou tamén as fontes e lavadoiros nas parroquias de Olveira, Castiñeiras, Oleiros e Carreira (Carreiriña e Filgueira). Adecuación de contornas naturais
O tractor propiedade do Concello estivo realizando labores de roza no que levamos de 2026 en Aguiño, Palmeira, Artes, Oleiros, Pedra da Ra, Laxes, Vixán, Deán Grande, Deán Pequeno, Olveira e na contorna do aparcamento das Abesadas.
A maiores, as marxes dos ríos foron obxecto de intervención, concretamente, en varios puntos do río Arlés, na parroquia de Oleiros e na de Artes, así como a retirada de árbores no discorrer no río Listres.
No que respecta aos areais, reparáronse as pasarelas en Coroso, Aguiño, O Castro-A Catía e Penisqueira.
Puntos de luz
O concelleiro de Iluminación Pública, Víctor Reiriz, manifesta que tamén se reforzaron o número de luminarias para maior seguridade, polo que, actualmente, Ribeira conta con máis de 8.000 puntos de luz. As vindeiras actuacións focalizaranse en Palmeira, onde se instalarán seis luminarias na contorna do pavillón deportivo Alcalde Torres Colomer por importe de 3.500 euros e un poste con todo o tendido eléctrico no lugar de Teira, por 1.550 euros.
“Non só estamos falando dun servizo básico, senón tamén de maior seguridade, especialmente, no inverno ao contar con menos horas de luz natural e pola climatoloxía adversa que, de feito, causou moitos apagóns desta vez”, declara.
Colocáronse, ademais, reflectores en varios parques infantís, dando así resposta á demanda veciñal para aproveitar máis tempo nestes espazos de ocio destinado ás crianzas.
Reiriz fixo fincapé na celeridade coa que se lle dá resposta ás incidencias en materia de iluminación, precisando que “tratamos sempre que se resolva antes das 48 horas”. Neste senso, apela á colaboración cidadá para que, ante calquera fallo nas luces, trasladen o aviso ao Concello.
O edil avanza tamén que xa se está preparando a auditoría ao rematar no 2027 o contrato coa empresa concesionaria do servizo.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.