Monday 13 de April de 2026

Narón bota a andar a IX edición de “Ponte en Ruta con Nós!” con cinco andainas pola súa contorna natural


O Padroado de Deportes do Concello de Narón presenta a novena edición do programa “Ponte en Ruta con Nós!”, unha iniciativa xa consolidada que promove a práctica de exercicio ao aire libre a través de andainas populares, non competitivas e abertas a persoas de todas as idades.

O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, deu a coñecer esta mañá a programación, destacando “a boa acollida que ano tras ano ten este programa entre a veciñanza” e incidindo en que “permite fomentar hábitos de vida saudables ao tempo que se dá a coñecer o patrimonio natural da contorna”. O edil animou a cidadanía a participar “nunha proposta pensada para compartir, facer deporte e gozar da natureza sen carácter competitivo”.

A programación desta novena edición inclúe un total de cinco andainas con diferentes niveis de dificultade. A primeira delas, o próximo 26 de abril, será a ruta de Prior, cun percorrido de 12,5 quilómetros de dificultade media-alta por enclaves como as praias de Covas, Ponzos ou Lopesa, así como A Pena Molexa, con saída ás 09:30 horas e traslado en autobús desde o local social do Val.

A segunda proposta, o 10 de maio, levará ás persoas participantes pola contorna do río Xuvia, cun itinerario de 11 quilómetros e dificultade media que partirá tamén ás 09:30 horas, neste caso desde o local social da Pombiña ata o mosteiro do Couto, onde se iniciará a andaina.

Un dos pratos fortes do programa será a ruta a Santo André de Teixido, que se desenvolverá en dúas etapas, os días 24 de maio e 21 de xuño, e que presenta un maior nivel de esixencia física. A primeira delas consistirá nun percorrido de 25 quilómetros, de dificultade alta, entre o mosteiro do Couto e Porto do Cabo, en Valdoviño, mentres que a segunda etapa, tamén de dificultade alta, completará o traxecto ata Santo André de Teixido cun itinerario de 14 quilómetros. Ambas as saídas realizaranse ás 08:30 horas e permitirán ás persoas participantes completar esta emblemática ruta en dúas xornadas.

O programa desta IX edición concluirá coa andaina Coval–Xuvia, un percorrido de 15,5 quilómetros e dificultade media-alta que recrea os últimos tramos das “21 Leguas”, con chegada ao paseo de Xuvia.

As inscricións para participar deberán formalizarse de xeito presencial nas oficinas do Padroado de Deportes de Narón, situadas na estrada da Gándara, número 148, en horario de 08:30 a 13:00 horas, ata as datas establecidas para cada unha das saídas. O número de prazas está limitado a un máximo de 150 persoas por ruta e o prezo de participación é de 5 euros. Desde a organización lembran ademais que os menores de 18 anos deberán participar acompañados polo seu pai, nai ou titor/a legal.

Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ao propio Padroado de Deportes ou contactar no teléfono 981 38 75 22.

Deja un comentario