A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou este venres un curso de iniciación de Dj que se celebrará durante os venres de maio e xuño no Centro Sociocultural de Conxo. Esta actividade pretende ser o xerme dunha futura Escola de Dj.
Branca Novoneyra estivo acompañada na rolda de prensa polo animador sociocultural do CSC de Conxo, Xulio Noya, e por Rubén Varela, máis coñecido como DJ Mil, quen será o encargado de impartir o curso. Nel, os participantes aprenderán o oficio de Dj, iniciándose en disciplinas como o turntablism (scratch, beat juggling…) e aprendendo a limpar e manter o equipo ou como usar os controladores MIDI.
A de Dj é una disciplina cada dia mais popular debido á expansión da música electrónica a través da radio, tv, internet.. Resulta ademais unha alternativa lúdica e pode ofrecer oportunidades laborais á mocidade, como resaltou Rubén Varela lembrando a súa propia experiencia
O curso comezará o vindeiro venres, 6 de maio, en horario de 18:45 a 20:15 hora, o mesmo das demais sesións, os venres dos meses de maio e xuño, ata completar as 10 horas.
Esta actividade está dirixida a mozos e mozas a partir dos 15 anos e ten un prezo de 14 euros. Os interesados/as en participar teñen que inscribirse dirixíndose ao Centro Sociocultural de Conxo. Información no teléfono 981 528 740.