O Concello impulsou accións formativas adaptadas ás distintas idades para fomentar a igualdade real
Neda vén de completar as accións educativas incluídas na programación especial do 8M. O Concello impulsou nos colexios públicos da localidade obradoiros de estereotipos e no instituto un escape room centrado na violencia de xénero nas parellas mozas. Con estratexias formativas adaptadas a cada público, as distintas actividade incidiron na necesidade de avanzar cara a unha igualdade real na localidade.
O alumnado de terceiro e cuarto de primaria do CEIP Maciñeira participaba esta mañá no taller sobre estereotipos de xénero, unha actividade que días atrás se desenvolveu no CEIP San Isidro. Nela, a través de distintas dinámicas os nenos e nenas identificaron conxuntamente roles sexistas e reflexionaron sobre modelos masculinos e femininos máis acordes coa sociedade actual. “Poden ou non poden facelo” foi a pregunta coa que arrancaba a iniciativa.
Pola súa banda, os estudantes de cuarto da ESO do IES Fernando Esquío participaron no escape room “Violeta” no que, a través de distintas probas, tiveron ocasión de recapacitar sobre a violencia machista na mocidade, identificar condutas tóxicas (control por parte da parella do móbil, das redes sociais, da vestimenta, fomento do illamento social) e comprender a importancia da igualdade e o respecto nas relación persoais e de parella.
As actividades formativas están incluídas na programación deseñada polo Concello de Neda con motivo do Día Internacional da Muller, e contan co financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. A oferta do 8M completarase este domingo ao mediodía coa celebración da “III Xuntanza de mulleres de Neda”.



