Aitor Bouza denuncia que, cinco meses despois da sinatura do convenio coa Deputación, o proxecto segue sen licitar.
O socialista reclama dilixencia ao Concello e pide á Xunta de Rueda que “arrime o ombreiro” e invista en Santiago como fai noutras cidades.
O PSdeG levará ao Parlamento a falta de compromiso da Xunta coas infraestruturas deportivas da cidade.
O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado autonómico, Aitor Bouza, reclamou ao Goberno municipal que licite “de maneira inmediata” as obras de rehabilitación do estadio Vero Boquete de San Lázaro, unha actuación que considera prioritaria para a cidade.
Bouza advertiu de que, pese a existir un convenio coa Deputación da Coruña asinado no mes de novembro e aprobado previamente no pleno provincial, “a día de hoxe, máis de cinco meses despois, ese contrato segue sen licitar”. Un acordo que supón un investimento moi relevante, financiado maioritariamente pola Deputación, que achega arredor do 80% dos fondos, e advertiu de que o atraso na tramitación “pon en risco o cumprimento dos prazos previstos”, segundo explicou o deputado socialista.
Neste sentido, advertiu de que, “estando xa a piques de entrar no mes de abril”, será posible executar as obras no prazo previsto sen ter que recorrer a unha prórroga, e advertiu de que non sería aceptable que unha actuación “tan necesaria e demandada” se siga demorando.
Bouza reclamou ao Goberno de Sanmartín “dilixencia e operatividade” e instou á alcaldesa a explicar “por que a día de hoxe estas obras seguen sen licitar” e cando prevé activar o procedemento. Ademais, subliñou a importancia de que o proxecto se desenvolva “con diálogo coas entidades deportivas e cos clubs”, e de maneira especial co Compos, como principal usuario da instalación, garantindo que a actuación responda ás necesidades reais do tecido deportivo da cidade.
Neste sentido, advertiu de que os prazos previstos evidencian a falta de planificación do Goberno municipal, xa que o proxecto contempla arredor de sete meses de licitación e once meses de execución das obras. A pesar diso, o Concello sostén que a actuación se desenvolverá ao longo de 2026, algo que Bouza cualificou de “incoherente” ao non cadrar cos tempos reais, o que fai practicamente inevitable que o Concello teña que recorrer a unha prórroga.
O secretario xeral do PSdeG de Santiago puxo tamén o foco na Xunta de Rueda e reclamou un maior compromiso coas infraestruturas deportivas de Compostela. “É posible facelo”, sinalou, lembrando investimentos recentes noutras cidades como Ferrol, onde o Goberno galego comprometeu importantes recursos.
Bouza criticou que a Xunta “non pode seguir mirando cara outro lado” mentres a cidade precisa investimentos neste ámbito, e anunciou que o PSdeG levará esta cuestión ao Parlamento de Galicia para esixir explicacións e medidas concretas.
Así mesmo, reclamou tamén á alcaldesa que defenda os intereses da cidade e que esixa á Xunta o mesmo nivel de compromiso económico que noutras cidades galegas. “O deporte tamén é calidade de vida e precisa infraestruturas á altura do traballo que realizan clubs e deportistas”, concluíu.


