Wednesday 15 de April de 2026

Paderne estrea ‘Un café co alcade’ para compartir e construír o futuro do concello


• O Local Social de Velouzás foi o primeiro punto de encontro entre a veciñanza e o alcalde, Sergio Platas.

• O obxectivo do goberno local coa posta en marcha desta iniciativa é construir espazos dinámicos de participación en virtude do proceso de decisións no contexto municipal.

O Concello de Paderne arrancou na tarde de hoxe, venres 27 de marzo, a nova proposta impulsada polo goberno local: ‘Un café co alcalde’. A veciñanza achegouse ata o Local Social de Velouzás para escoitar e conversar co rexedor, Sergio Platas.

O obxectivo do encontro é compartir os puntos de vista das persoas asistentes para favorecer o futuro funcionamento do municipio e involucrar á veciñanza no proceso de toma de decisións no contexto municipal.
“As mellores ideas nacen, moitas veces, arredor dun café”, así deu a benvida o primeiro edil nesta primeira sesión, quen engadiu que “debido esta premisa é pola que nos atopamos aquí”.

A partir de hoxe, os veciños e as veciñas do concello poderán reunirse, de maneira distendida, con Sergio Platas para compartir en conxunto as melloras que implementar ou plantexar novos proxectos a prol de incrementar a calidade dos servizos municipais.

A iniciativa chegará a todas as parroquias de Paderne para dialogar e coñecer a realidade de cada unha delas desde a perspectiva de quen alí fai vida.
“Sempre digo que para avanzar hai que escoitar, por iso desde o goberno local quixemos crear este encontro no que poidamos falar de ti a ti polo ben de Paderne”, concluiu o rexedor na inauguración da xuntanza.