• Os populares denuncian unha estratexia sistemática do tripartito para vetar as súas iniciativas por urxencia
• Rivadulla critica a “falta de respecto institucional e de democracia” no funcionamento do pleno municipal
O Partido Popular de Arzúa viuse obrigado a abandonar o pleno ordinario celebrado este xoves tras a actitude do alcalde, que impediu aos concelleiros populares exercer o seu dereito a intervir no debate dunha moción presentada polo BNG pola vía da urxencia.
Os feitos producíronse despois de que o PP intentase infrutuosamente defender o seu voto en contra da urxencia da devandita moción, argumentando que todos os puntos recollidos xa estaban en marcha ou atendidos por diferentes administracións, e que o texto estaba desactualizado no momento da súa presentación. A pesar de compartir o fondo da proposta, os populares consideraban que non se xustificaba a súa tramitación pola vía da urxencia.
“Non se pode falar de defensa do sector primario mentres se impide que outros grupos poidan explicar a súa posición. Isto é unha mostra clara de falta de democracia e de respecto institucional”, afirmou o portavoz popular, Rafael Rivadulla.
O PP lembra que, previamente, tamén presentara unha moción pola vía de urxencia sobre a situación en Oriente Medio e Irán, cuxa urxencia foi rexeitada polos votos en contra do BNG, Alternativa por Arzúa e PSOE. Trátase, segundo os populares, dun comportamento reiterado, xa que 13 das 14 mocións de urxencia presentadas polo PP nesta lexislatura foron rexeitadas polos grupos do goberno. Casualmente, a última presentada polo PP no mes de febreiro, de defensa do sector primario, foi rexeitada polos outros partidos.
“Estamos ante unha práctica sistemática moi clara: cando a moción é do Partido Popular, a resposta é sempre non. Sen analizar o contido, sen valorar a actualidade e urxencia, simplemente por quen a presenta”, sinalou Rivadulla.
En contraposición, o PP destaca que si ten apoiado tanto a urxencia como o contido de iniciativas presentadas por outros grupos cando considerou que estaban xustificadas.
No caso da moción do BNG sobre o sector lácteo, os populares defenderon que cuestións como a interlocución co sector, as axudas ou a recuperación de terras xa están sendo abordadas con medidas concretas e recentes, o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia xa se reuniu, e as outras demandas polo BNG xa están en marcha, polo que non se podía falar dunha situación sobrevida que xustificase a urxencia.
Destaca o Partido Popular que son os únicos concelleiros que viven do sector primario e que e por iso presentan accións e mocións na defensa do sector, como a presentada no mesmo pleno para a a bonificación do IBI a explotacións agrícolas e gandeiras, e que os demais grupos votaron en contra.
“Estamos ante outra mostra das prioridades equivocadas do goberno local, máis preocupado por sacar adiante iniciativas sen contraste que por permitir un debate serio e rigoroso no pleno”, engadiu.
Finalmente, o Partido Popular decidiu abandonar a sesión plenaria ante a negativa do alcalde a permitir novas intervencións, unha decisión que cualifican de “grave” e que evidencia, ao seu xuízo, “un deterioro preocupante da calidade democrática no Concello de Arzúa”.
“Os veciños merecen un Concello onde se poida debater con liberdade, non un espazo onde se silencie á oposición. Este é o resultado dun goberno tripartito instalado na falta de xestión e no control político do pleno”, concluíu Rivadulla.



