Sunday 12 de April de 2026

García Seoane faise trampas ao solitario coa Vía Ártabra


Máis de 20.000 veciños de Oleiros seguirán sen solución real aos seus problemas de mobilidade

O Grupo Municipal Popular de Oleiros denuncia que o alcalde, Ángel García Seoane, “faise trampas ao solitario” ai presentar a Vía Ártabra como a solución aos graves problemas de mobilidade que sofre o municipio, cando a realidade demostra que esta infraestrutura non resolverá a situación dunha parte moi importante da poboación.

En concreto, os veciños de Perillo, preto de 8.500 persoas, veríanse obrigados a percorrer ata 14 quilómetros en dirección contraria para poder incorporarse a esta vía. Unha situación similar afecta aos máis de 10.400 residentes de Liáns, que terían que realizar desprazamentos de polo menos 4 quilómetros para acceder á Vía Ártabra, alén de afastarse máis de 8 quilómetros en sentido contrario á Coruña.

En total, máis de 20.000 habitantes de Oleiros seguirán padecendo problemas de mobilidade “serios e irreversibles”, mentres o municipio continúa crecendo sen que exista unha planificación realista e eficaz.

Desde o Grupo Municipal Popular de Oleiros sinalan que “o alcalde está desesperado polo caos no que derivaron as súas políticas urbanísticas, baseadas nun crecemento desordenado, especulativo e sen previsión de infraestruturas básicas”, e engaden que “pretender vender a Vía Ártabra como solución definitiva é simplemente faltar á verdade”.

Así mesmo, critican que o plan urbanístico “fracasou rotundamente pola ineptitude e neglixencia dos seus redactores”, ao non ser capaz de anticipar o incremento de poboación nin o conseguinte aumento do tráfico.

Oleiros segue dependendo, na práctica, de dous únicos viais principais un pola costa e outro polo interior que manteñen practicamente o mesmo ancho desde hai máis de 100 anos, cando o número de vehículos era testemuñal. “Hoxe, esa falta de previsión tradúcese en atascos, perda de tempo, diñeiro, alén de contaminación unha diminución evidente na calidade de vida dos veciños”, subliñan.

Por todo iso, o Grupo Municipal Popular de Oleiros
reclama un plan integral de mobilidade adaptado á realidade actual do municipio, así como unha revisión profunda do modelo urbanístico para evitar seguir agravando o problema.

Finamente, conclúen que “Oleiros non necesita titulares baleiros nin ocorrencias nin elucubracións, senón unha resposta municipal – con proxectos, prazos e financiamento- ás necesidades reais, con solucións eficaces que pensen nos veciños non en xustificar e diluír erros do pasado”.

Deja un comentario