Sunday 12 de April de 2026

A Xunta de Galicia inicia mañá os traballos de campo para a avaliación anual da calidade da Rede de Autobuses Interurbanos


A campaña recollerá máis de 16.000 enquisas e observacións, incluíndo 13.200 cuestionarios a persoas usuarias

A Xunta de Galicia iniciará mañá luns, 13 de abril, os traballos de campo para levar a cabo o estudo anual de avaliación da calidade do transporte público interurbano por estrada. Desenvolveranse ao longo de aproximadamente oito semanas, período no que se analizarán os principais indicadores de calidade do servizo.

Este estudo ten como finalidade obter unha visión actualizada do funcionamento do sistema, combinando a percepción das persoas usuarias coa análise directa do servizo sobre o terreo. Trátase da sexta campaña que se realizará desde a implantación do Plan de Transporte Público de Galicia (PTPG) e abrangue o conxunto das 53 comarcas galegas, o que suporá un volume superior ás 16.000 enquisas e observacións.

O deseño do estudo baséase en catro liñas de investigación que permiten avaliar o sistema desde distintas perspectivas. A primeira delas consiste na realización de 13.200 enquisas a persoas usuarias, distribuídas entre todas as comarcas en función do seu peso, co obxectivo de coñecer a súa valoración do servizo.

A segunda liña céntrase na realización de 1.974 observacións tipo cliente misterioso, orientadas a verificar de maneira directa aspectos como a puntualidade, a información dispoñible, o estado das infraestruturas ou as condicións de prestación do servizo. A terceira aborda o transporte escolar mediante enquisas dirixidas aos 457 centros educativos con transporte compartido, co fin de recoller a súa percepción e detectar posibles ámbitos de mellora.

Por último, completando o enfoque do estudo, levaranse a cabo 600 entrevistas telefónicas a persoas que non empregan o transporte público, co obxectivo de identificar os factores que condicionan o seu uso e analizar posibles vías para fomentar a demanda.

Entre as actuacións inclúese a análise detallada dos servizos en horas punta nas conexións Ferrol–A Coruña e Santiago de Compostela–Vigo. A través de observacións directas, estudarase o comportamento destes servizos, con especial atención ao cumprimento dos horarios, á dispoñibilidade de prazas e á necesidade de reforzos.

Deja un comentario