Saturday 11 de April de 2026

A Xunta arrinca esta fin de semana a segunda edición de Campas 360


— A directora Xeral de Xuventude, Lara Meneses, destaca “o grande éxito desta iniciativa que busca tecer lazos e ofrecer propostas formativas e de lecer á nosa mocidade nos fins de semana de abril e maio”

— Os participantes do programa no Albergue Xuvenil das Sinas adquirirán dun xeito didáctico e ameno coñecementos do medio natural e da súa importancia

— As propostas albergan temas como a innovación, a conservación da natureza, as actividades náuticas e a posta en valor dos oficios tradicionais no rural

A Xunta dá comezo este fin de semana á segunda edición de Campas 360, o programa de educación non formal mediante que “se busca tecer lazos e ofrecer propostas formativas e de lecer á nosa mocidade”. Así o explicou a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, que destacou “o grande éxito desta iniciativa” na súa visita aos 40 mozos e mozas de 12 a 14 anos que están a participar nesta proposta no Albergue Xuvenil das Sinas.
Tal e como lembrou a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, os campamentos, que se desenvolven nos fins de semana de abril e maio, “permiten crear lazos entre a mocidade de 12 a 17 anos mentres aprenden en eidos como a innovación, a conservación da natureza, as actividades náuticas e a posta en valor dos oficios tradicionais no rural a través das catro iniciativas”. Así, neste espazo en Vilanova de Arousa os participantes, baixo o título Náufragos 360, adquirirán dun xeito didáctico e ameno coñecementos do medio natural e da súa importancia durante tres días.
Por outra banda, Campas 360 Innovación e Aventura, que se celebrará no albergue xuvenil Lug II, en Lugo, busca fomentar as competencias tecnolóxicas e creativas a través do deseño e impresión 3D, a iniciación á realidade virtual, ferramentas de programación de IA e técnicas de corte por láser, combinando aprendizaxe práctica con innovación.
A seguinte proposta Brigada Emprendora, que se celebrará no Albergue Xuvenil Marina Española, en Bergondo, ten como obxectivo propoñer solucións innovadoras para mellorar a prevención e xestión de incendios. Por último, Campas 360 Oficios Tradicionais, que se celebra en distintas granxa escolas da provincia de Pontevedra, pretende fomentar na mocidade o coñecemento cultural e etnográfico en contornas rurais, mesturando a promoción dos oficios tradicionais con actividades lúdicas e deportivas.

Deja un comentario