Saturday 11 de April de 2026

As Non Adscritas esixen ao SERGAS reforzar o PAC de Santiago tralo “colapso asistencial” provocado pola reorganización da Atención Primaria


• A concelleira Marta Álvarez denuncia que o peche dos centros de saúde e a concentración da atención durante as mañás dos sábados no PAC está a “reducir drasticamente os recursos dispoñibles” e a sobrecargar o persoal sanitario

• Levarán ao vindeiro pleno unha proposición reclamando máis profesionais, equipos completos e “unha planificación rigorosa e transparente” dos cambios no sistema sanitario

A concelleira non adscrita, Marta Álvarez, anunciou este sábado que levarán ao vindeiro pleno municipal unha proposición para instar ao Servizo Galego de Saúde a reforzar de maneira urxente o Punto de Atención Continuada (PAC) de Santiago tras a recente reorganización da Atención Primaria que afecta á prestación do servizo durante as mañás dos sábados.

Álvarez advertiu de que esta medida, en vigor desde o pasado 4 de abril, supuxo o peche dos centros de saúde os sábados pola mañá e a concentración de toda a atención no PAC de Santiago, o que está a provocar “unha sobrecarga dos profesionais” e unha merma significativa da calidade asistencial.

“Non somos alleas á mobilización que está a provocar a reorganización da Atención Primaria entre os profesionais dos PACs e dos centros de saúde”, sinalou, subliñando que “desde que se implantou esta reorganización estamos a ver como o feito de que a atención quede concentrada no PAC de Santiago provoca unha sobrecarga evidente”.

A concelleira lembrou que esta decisión afecta non só á cidade, senón tamén á poboación de concellos como Boqueixón, O Pino, Teo, Touro, Oroso, Val do Dubra e Vedra, que “pasou de contar cunha rede distribuída de centros de saúde a depender dun único punto de atención, atendido por un número de profesionais notablemente inferior”: “trátase dunha medida que reduce drasticamente os recursos sanitarios e non sanitarios dispoñibles”, evidenciando “unha falta de planificación e previsión incompatible coa correcta prestación dun servizo público esencial”.

Álvarez puxo como exemplo o ocorrido o propio día da implantación, cando “se produciu un colapso asistencial, con esperas de máis de tres horas e unha atención en condicións que comprometen tanto a calidade como a seguridade clínica”.

A situación, segundo indicou, non mellorou na segunda xornada de aplicación. “Ademais, o persoal do PAC non só atende a demanda presencial, senón que tamén realiza saídas domiciliarias e atencións urxentes fóra do centro”, explicou, o que implica que “en determinados momentos haxa menos profesionais dispoñibles, agravando aínda máis a saturación”. Para a concelleira, “esta situación empeora a accesibilidade, aumenta os tempos de espera e pon en risco a atención sanitaria que merece a cidadanía”, contribuíndo ademais “ao deterioro progresivo do sistema sanitario público”.

Ante este escenario, Álvarez avanzou que a proposición que as Non Adscritas levarán ao pleno incluirá medidas concretas como esixir ao SERGAS que dote o PAC dos recursos humanos necesarios, garantir equipos completos de persoal médico e de enfermaría cunha ratio adecuada e reclamar unha planificación rigorosa, anticipada e transparente de calquera cambio organizativo.

Deja un comentario