Saturday 11 de April de 2026

Belén do Campo pon en valor a artesanía galega na xornada “Oficios en acción” organizada pola Asociación Galega de Artesnáns (AGA)


A delegada da Xunta destacou que a artesanía é un sector estratéxico que combina tradición e innovación, xerando emprego e contribuíndo á dinamización económica e cultural

A delegada da Xunta da Coruña, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, participou hoxe na xornada Oficios en Acción, celebrada no Centro Ágora da Coruña, onde destacou a importancia de iniciativas que achegan a artesanía á cidadanía e contribúen a preservar e impulsar os oficios tradicionais.

Durante a súa visita, a representante do Goberno autonómico subliñou que esta actividade, organizada pola Asociación Galega de Artesáns (AGA) con motivo dos Días Europeos da Artesanía 2026, constitúe unha excelente oportunidade para dar visibilidade ao talento e á creatividade dos artesáns e artesás galegos. Neste sentido, lembrou o apoio continuado da Fundación Artesanía de Galicia a este tipo de iniciativas.

Ao longo de toda a xornada, o público tivo a oportunidade de participar en obradoiros gratuítos de iniciación en diferentes técnicas artesanais, co obxectivo de achegar estes oficios á sociedade e poñer en valor o produto feito á man. A delegada destacou a boa acollida desta proposta, que permite “coñecer de primeira man o traballo, a dedicación e a calidade que hai detrás de cada peza artesanal”.

A programación inclúe nove obradoiros distribuídos en catro espazos do Centro Ágora. Na aula 6 desenvólvense actividades de cerámica e xoiería; na aula 7, traballos de feltro, bordado e creación de móbiles; na aula 8, elaboración de tocados e técnicas de pregado de libros; e na aula 9, obradoiros de xoguetes de madeira, bixutería e encadernación.

A Asociación Galega de Artesáns (AGA) é a asociación profesional de artesáns de diferentes oficios con maior traxectoria en Galicia. Funciona dende o ano 1983 a raíz do esforzo dun grupo de artesáns que buscaban poñer en valor os oficios artesanais e a artesanía feita en Galicia. Na actualidade AGA é a entidade colaboradora da Xunta de Galicia para os Convenios da Marca Artesanía de Galicia (bolsas, etiquetas, caixas, identificadores dos obradoiros e outros) e poñelo a disposición de todos os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia da Dirección Xeral de Comercio e Consumo e as tendas adheridas ao uso da marca.

A delegada tamén lembrou que este ano a Xunta patrocina un programa con AGA de 12 feiras de venda directa en diferentes localidades galegas que se van realizar entre os meses de abril e setembro. Estes encontros estarán protagonizados exclusivamente por profesionais inscritos en Artesanía de Galicia e denominaranse Feira Galega de Artesáns.

A delegada destacou que a Xunta de Galicia desde a o seu inicio tamén ven colaborando coa Feira Mostrat que se celebra no mes de agosto na Coruña.

Xunta apoio sector
A delegada da Xunta destacou que a artesanía é un sector estratéxico que combina tradición e innovación, xerando emprego e contribuíndo á dinamización económica e cultural. Ademais, incidiu na necesidade de seguir fomentando a formación e o relevo xeracional para garantir o futuro destes oficios. Neste sentido, sinalou que o Plan estratéxico de comercio 2025-2030 recolle medidas orientadas a reforzar a súa competitividade e garantir o seu futuro. Tamén incidiu na relevancia da formación e da remuda xeracional como factores clave para a continuidade do sector. Así, fixo referencia a iniciativas como o programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, así como á posta en marcha dunha nova liña de axudas destinada á formación de aprendices en oficios artesanais, prevista para este ano e dotada cun orzamento de 1 M€.

Finalmente, agradeceu o labor da Asociación Galega de Artesáns e de todos os profesionais participantes, así como a implicación das institucións que fan posible este tipo de actividades, reafirmando o compromiso da Xunta co impulso e a promoción da artesanía galega.

Deja un comentario