Saturday 11 de April de 2026

O Coliseum acollerá a vindeira semana tres concertos consecutivos con Hijos de la Ruina, Viva Suecia e Operación Triunfo


As últimas entradas continúan á venda en plataformas dixitais e na praza de Ourense

A actividade musical vivirá a vindeira fin de semana no Coliseum un momento álxido con tres concertos consecutivos de artistas de gran relevancia nacional. Trátase das actuacións de Hijos de la Ruina, Viva Suecia e Operación Triunfo, que estarán, respectivamente, o venres 17, sábado 18 e domingo 19 no recinto multiusos coruñés.

“A Coruña volve a amosar o seu músculo cultural e musical programando tres espectáculos de artistas cun grande éxito de público. Esta selección de artistas que actúan na cidade cada mes é froito do traballo constante do Goberno de Inés Rey para que A Coruña sexa parada obrigatoria nas súas xiras”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. As últimas entradas para os tres concertos continúan á venda a través de diferentes plataformas de venda en liña e no despacho de billetes da praza de Ourense. O día do concerto tamén se poderán conseguir no propio recinto.

Hijos de la Ruina, o supergrupo formado por Natos, Waor e Recycled J, regresa en 2026 cunha xira histórica que marca o seu esperado reencontro cos escenarios tras un longo parón. A formación, referente da música urbana española e creadora de himnos que combinan rap cru con melodías actuais, inicia esta nova etapa cun tour que percorre as grandes cidades do Estado.

Pola súa banda, Viva Suecia continúa a consolidarse como unha das bandas máis potentes do rock alternativo español coa súa xira “Hecho en tiempos de paz”, un tour de gran formato que está a esgotar entradas en cidades de toda España. O grupo murciano percorre o país cun espectáculo épico que combina os novos temas do seu último álbum —convertido xa nun dos seus traballos máis ambiciosos— con himnos que forman parte da banda sonora dunha xeración.

Por último, o fenómeno televisivo Operación Triunfo chega ao Coliseum da Coruña o domingo nun espectáculo de gran formato que reunirá sobre o escenario ás 16 voces protagonistas da edición OT 2025, entre elas o artista coruñés Tinho. O público coruñés poderá gozar dun show especialmente deseñado para grandes recintos, con actuacións emblemáticas, novos arranxos e momentos colectivos que trasladan ao directo a evolución vivida na academia.

Deja un comentario