Saturday 11 de April de 2026

O impulso ás adopcións na canceira municipal marca o balance de benestar animal en Carballo no primeiro trimestre do ano


O compromiso da veciñanza de Carballo coa adopción responsable segue a dar froitos. Segundo os datos presentados pola empresa concesionaria do servizo de lacería (Servigal), o primeiro trimestre do 2026 pechou cun balance moi positivo, no que destaca, por riba de todo, a cifra de animais que abandonaron o centro para integrarse nunha nova familia.
A tendencia deste inicio de 2026 amosa unha sociedade carballesa cada vez máis concienciada. Mentres que o número de animais recollidos na vía pública foi de tres exemplares en tres meses, o ritmo de adopcións foi superior, con 6 novos procesos completados con éxito. Especialmente positivo foi o mes de marzo, no que se formalizaron 4 destas adopcións.
Con estes novos casos, o histórico do servizo alcanza xa os 362 animais adoptados, unha cifra que desde a Concellaría de Servizos, o seu titular, Miguel Vales, destaca como “un éxito de toda a cidadanía”.
Así mesmo, o servizo da canceira municipal facilitou a recuperación de dous animais por parte dos seus propietarios, o que sitúa en 266 o total acumulado de animais devoltos ás súas familias ao longo dos case 14 anos de concesión.
O traballo do servizo durante estes meses non se limitou á recollida, senón que se centrou no mantemento e a saúde dos animais custodiados, que nestes momentos son 23 cans e 1 gato, repartidos entre a canceira municipal e as instalacións de Servigal e do Hotel do Can.
Con estes datos, o Concello de Carballo reafirma o seu compromiso co benestar animal e agradece a colaboración veciñal, tanto no aviso de incidencias como na aposta pola adopción responsable fronte ao abandono.

Deja un comentario